Negacionistas e antivacinas de todo o Estado mobilizaranse en Compostela contra o que chaman a ‘Lei Auschwitz’

Imaxe dunha manifestación antivacinas en Madrid o pasado mes de xaneiro (Imaxe: La Sexta)

O día 20, nun acto convocado por colectivos como ‘Médicos por la verdad’, ‘Policías por la libertad’ ou o ‘Colectivo humano Conscientes y libres’.

“No a la ley Auschwitz” é a palabra de orde da mobilización convocada para o 20 deste mes de febreiro en Santiago de Compostela e que agarda reunir negacionistas de diferentes partes do Estado español.

 A manifestación está apoiada por unha serie de colectivos e asociacións, moitos deles activos nestes meses para denunciar decisións como o confinamento e corentena; e outros negando a eficacia das vacinas contra a Covid.

‘Médicos por la Verad’, ‘Policías por la Libertad’, ‘Colectivo humano Conscientes y libres’... son algúns dos nomes desas asociacións que amosaron o seu apoio a esta marcha.

O obxectivo da protesta é a Lei de Saúde que se debate no Parlamento da Galiza, impulsada polo PP. Afirman que esta lei vai obrigar á vacinación obrigatoria e implicará un “sometemento” a “máis corentenas, toques de recoller...”.

Mesmo, en certos anuncios animando a asistir a esta mobilización, afírmase que esta lei vai permitir “detencións de civís en centros de illamento, que xa se están a construír a tal efecto”.

Hai unhas semanas, antivacinas e negacionistas colapsaban o sistema informático do Parlamento con mancheas de mails. En moitos deles xa se falaba de que a lei de Saúde que impulsaba o PP no Parlamento galego era unha “Lei Auschwitz’.

En xaneiro pasado varios miles de antivacinas e negacionistas mobilizaronse en Madrid co lema 'Pola liberdade, os dereitos e a vida'.

"Alerta antifascista"

Diferentes colectivos, como Estudantes Antifascistas ou o Comité Antifascista de Compostela, chamou a "encher o percorrido" da marcha "ultra e negacionista" con bandeiras e símbolos "antifascistas".