Nais e pais do CEIP Ramón de la Sagra protestan na Coruña ante a falta de profesorado

A comunidade educativa do CEIP Ramón de la Sagra exixe que a Xunta cubra todos os postos de profesorado (Foto: Xunta da Galiza)

A denuncia realizada pola dirección do centro sobre a falta de profesorado segue sen resposta.

As familias e a comunidade educativa do CEIP Ramón de la Sagra na Coruña concentraranse esta cuarta feira, 22 de setembro, ante a sede da xefatura territorial de Educación na cidade herculina para reclamar a dotación dun docente que lle correspondería por catálogo.

O centro leva tempo exixindo con protestas que a Consellaría de Cultura, Educación e Universidade cumpra co catálogo de postos do colexio publicado no Diario Oficial da Galiza (DOG), un total de 11 dos que deixou unha vacante para 1º de Primaria.

A dirección do centro pronunciouse e dirixiuse respecto disto antes do inicio deste curso e recibiu, con todo, a negativa da Xefatura de Inspección da Coruña. Aliás, denunciou o caso ante a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, o Servizo Territorial de Inspección Educativa e a Xefatura Territorial da Consellaría, mais aínda sen resposta a día de hoxe.

"Isto supón unha grave falta de respecto cara ás familias, as e os docentes e os valores de igualdade de oportunidades que representa a educación pública", traslada a ANPA, nunha comunicación dirixida ás nais e pais.

O claustro viuse obrigado a dedicar tempo extra a "parchear como poidan" esta situación para paliar "o terríbel comezo de curso destas nenas e nenos", despois dun ciclo de Infantil "totalmente diferente" e que "necesitan con urxencia e por dereito propio" a titora ou titor que vén recollido no catálogo de postos do CEIP.

É por iso que a ANPA decidiu "volver petar na porta" da Xunta para que conceda ao centro o que lle pertence "por dereito" e convocou unha concentración para esta cuarta feira, 21 de setembro, ante a sede da delegación provincial da Consellaría.