Nais e matronas rexeitan o traslado da sala de partos do CHUO ao CIMA

Ayelén Fonseca esta cuarta feira atendendo os medios en Ourense. (Foto: Nós Diario)
A Consellaría de Sanidade fai efectivo o cambio de espazos.

A sala de partos do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) xa está nas instalacións provisionais de Cirurxía Maior Ambulatoria (CIMA). O traslado desde o hospital Materno Infantil fíxose efectiva na mañá da cuarta feira, mentres colectivos sociais e profesionais denunciaban nunha comparecencia pública ás portas do centro hospitalario a posición das autoridades sanitarias. Ayelén Fonseca, en representación dos colectivos Marcha Mundial das Mulleres, SOS Sanidade Pública, Petra Maternidades Feministas, Arrolos de Teta e O Parto é Noso, criticou esta cuarta feira as condición da nova sala de partos do CHUO. Neste punto, denunciou que o emprazamento escollido non cumpre coas recomendacións fixadas pola Organización Mundial da Saúde (OMS) e "non garante" a seguridade das mulleres.

"A Organización Mundial da Saúde recoñece como esencial que as mulleres poidan dar a luz nun ambiente que preserve a súa intimidade e liberdade de movemento, condicións que neste caso non se poderán cumprir", aseverou Fonseca, quen incidiu en que o espazo escollido pola Consellaría de Sanidade  "non é o axeitado, vannos deixar sen sala de parto natural".

Fonseca, muller de 24 anos embarazada de case 36 semanas que fai parte do colectivo Arrolos de Teta, denunciou que a nova sala do CHUO non "garante un parto e nacemento dignos", advertindo de que contradí o disposto polo Ministerio de Sanidade na Estratexia de Atención ao Parto Normal.

Neste sentido, lembrou que este documento fixa que "o entorno debe garantir condicións axeitadas de privacidade, respecto e protagonismo da muller durante o parto".

"Precisamos que se nos escoite", din as usuarias

"O que precisamos é que se nos escoite. A nós e ás matronas, como profesionais autónomas do parto normal", aseverou Fonseca, que indicou que as profesionais sanitarias " saben o importante que é poder desenvolvernos en estado primal coa nosa intimidade salvagardada para que se produza o xogo hormonal preciso para parir, como todas as mamíferas". Neste punto, cualificou o trasladado á nova sala de partos do CHUO, como "un atentado contra a saúde pública". Marisol de Diego, en representación das matronas do CHUO, denunciou aos medios que o trasladado da sala de partos fíxose "de forma moi incongruente"

Neste sentido, asegurou que "non se consultou cos que realmente asistimos partos desde o principio, non se nos escoitou" e lamentou a postura mantida durante todo o proceso polas autoridades sanitarias. Marisol de Diego asegurou que as novas instalacións habilitadas "non son para un ano, son para máis tempo" e desmentiu ao conselleiro que culpou na terza feira ás matronas da ausencia dunha bañeira na sala de partos, afirmando "nós en todo momento quixemos unha bañeira, a dirección non viu a forma posíbel de situar esa bañeira".

Traslado completo

O director de Atención Hospitalaria do complexo sanitario, José Antonio Ortigueira Espinosa, afirmou que o traslado da sala de partos comezou coa UCI neonatal e rematou co desprazamento das mulleres ingresadas e das súas crianzas. Ortigueira  recalcou que o traslado non rexistrou "ningunha incidencia" con "máis de 30 profesionais" e "canles internas de comunicación entre equipos".