O Nadal de Vigo arrinca en agosto: Caballero anuncia o inicio da instalación de 11 millóns de luces LED

As rúas de Vigo, iluminadas por mor do Nadal, o pasado decembro. (Foto: Arxina)
O rexedor vigués non desvelou cando se producirá o acendido da iluminación, se ben afirmou que este ano as luces do Nadal ficarán prendidas unha hora menos que en 2021 "para aforrar enerxía".

O Concello de Vigo iniciou esta terza feira, 2 de agosto, a instalación das súas luces de Nadal, que este ano ficarán acendidas unha hora menos ao día para reducir en 14% o consumo enerxético, após a recomendación do Goberno estatal e da Unión Europea de diminuír a factura eléctrica.

Así o anunciou o alcalde, Abel Caballero, quen indicou que neste 2022 a cidade volverá contar con once millóns de luces LED, do mesmo modo que no Nadal pasado, mais repartidas por unhas 400 rúas, 40 máis que en 2021.

Neste senso, insistiu na "importancia" que ten o Nadal para o turismo de Vigo, asegurando que "xa hai hoteis que contan con reservas" para esas datas. Aliás, indicou que o Concello ten unhas 400 rúas en "lista de agarda" porque os seus veciños e veciñas tamén queren que se instalen alí luces.

Caballero reivindicou que o próximo será un Nadal "excepcional" e "cheo de sorpresas", polo que emprazou aos próximos meses para seguir desvelando as novidades. Con todo, o que si explicou é que a rúa Príncipe, a principal vía comercial da cidade, contará con novos adornos e cunha estrela xigante "para que se vexa desde Nova York e que o seu alcalde vexa como [en Vigo] gañamos [coa celebración do Nadal]", apuntou o rexedor.

Tamén precisou que este ano poderían visitar a cidade máis de tres millóns de persoas, superando a cifra de 2021. A pesar diso, non quixo anunciar o día do acendido nin do apagado das luces, aínda que si destacou que 25 persoas traballan na colocación das luces desde este mes até febreiro, cando se desmontarán.

Aforro enerxético

A respecto do gasto enerxético da iluminación, Caballero indicou que en 2021, durante os case dous meses que duraron as festas na cidade, o Concello pagou uns 30.000 euros de factura da luz, o que supón 0,5% do gasto total de luz en Vigo, que ascendeu a uns 5,5 millóns de euros.

O rexedor subliñou que espera que este ano o gasto sexa maior, xa que o prezo da luz aumentou. Porén, dixo que o gasto de luz do Nadal é "inferior" ao que consome un estadio de fútbol duns 30.000 asentos nun mes. Mais, debido a que o Goberno estatal instou as administracións públicas e a cidadanía a reducir o gasto enerxético, Caballero anunciou que este ano as luces de Vigo estarán acendidas unha hora menos cada día, atrasando o seu prendido ás 18.30 horas e adiantando o apagado ás 00.30 horas.

Segundo os seus cálculos, isto suporá un aforro de 14%, "o dobre do que pide o Goberno". Aliás, lembrou que toda a enerxía que utiliza Vigo na súa iluminación "é renovábel".