As nacionalistas volven reclamar outra ambulancia para a comarca do Deza e levarán a demanda ao Parlamento

Centro de Saúde en Lalín. [Imaxe: Google]
Francisco Vilariño, portavoz do BNG en Lalín, insiste en que se trata dunha demanda histórica e asegura que se non houbo máis mortes antes “foi por pura sorte”.


“Foi por pura sorte”, repite Francisco Vilariño en conversa telefónica con Sermos Galiza. O BNG vén de presentar unha moción nos seis concellos da comarca do Deza reclamando una ambulancia medicalizada que reforce o fraco servizo sanitario. Esta segunda feira coñeceuse que un home falecera en Dozón despois de que o vehículo de urxencias -un dos dous que dispón o Sergas no Deza- chegase 46 minutos despois de que se dese a alerta.

“Xa se sabe que neste tipo de emerxencias os tempos son cuestión de vida ou morte. Até o domingo houbo sorte, pero é algo que ía pasar antes ou despois”, conta Vilariño. O portavoz do BNG en Lalín explica que a comarca ten unha extensión “enorme” [máis de 1.000 quilómetros cadrados] cunha "alta dispersión e unha poboación moi avellentada”. Sinala que o servizo de urxencias está atendido por dúas ambulancias RTSU, as convencionais, e por un helicóptero que na práctica “intervén polo día e só cando as condicións de voo son favorábeis”. Unha das ambulancias dá cobertura a Silleda (onde ten a base) e Vila de Cruces; a outra, Lalín (a base), Agolada, Rodeiro e Dozón.

“Desde hai moitos anos vimos reclamando unha ambulancia medicalizada, que reforce o servizo e que permita prestar certas atencións urxentes. Pero a política do PP mata. Dígoo así de claro, porque cando estás na Administración e non pos os medios, estás condenando a morte a algunha persoa”, quéixase Vilariño.

O edil ofrece algúns datos: "as posibilidades dunha atención eficaz empezan a reducirse segundo pasa o tempo, a partir dos 15 ou 20 minutos en casos de parada cardíaca, a partir dos 20 minutos nos politraumatismos, dunha hora nun ictus". “Xa protestamos en maio pasado cando se licitaron as novas ambulancias e volveron excluír Deza. Non entendo que si aumentaran o número de vehículos en Carballiño ou Monforte, do que por suposto me alegro, mais non o fixeran aquí”, conclúe Vilariño. A nova licitación, por un período de 4 anos máis un de prórroga deixa á comarca sen nova ambulancia polo menos até o 2024.

O BNG presentará mocións pedindo ese reforzo para que se debatan nos plenos dos seis concellos. O primeiro, a próxima semana en Lalín. Tamén levou a iniciativa no Parlamento para forzar a comparecencia do conselleiro de Sanidade polo caso do falecido en Dozón. E Ana Pontón interpelará ao presidente Feixoo na próxima sesión de control.