Unha multitude bótase á rúa contra a permanencia de Ence na ría de Pontevedra

[Imaxe: Pontevedra Viva/Diego Torrado] Parte da manifestación contra Ence que saíu de Pontevedra

A dupla manifestación que partiu das alamedas de Pontevedra e de Marín para confluíren diante da factoría de Ence, en Lourizán, contou coa participación dunha multitude de persoas que clamaron o feche da pasteira. VÍDEO NO INTERIOR. 

Pasaban as 20h cando as dúas marchas partían das alamedas de Pontevedra e de Marín convocadas pola Plataforma Ence Fóra da Ría como cada mes de xuño. Porén, a deste ano foi a mobilización máis numerosa das que teñen lugar todos os xuños após aprobar o Goberno do PP no mes de xaneiro, xa en funcións, a concesión da prórroga a Ence para que poida seguir a desenvolver a súa actividade durante 60 anos na actual localización, ao pé da ría.

Nas manifestacións puideron oírse os propios lemas que convocaban os protestos: “Ence fóra da ría para sempre”, “Saneamento integral da ría” e “Non, non, non á eucaliptización”. O escritor Calros Solla foi o encargado de ler o manifesto, no que se apelou á necesidade de que a ría “sexa devolta íntegra á cidadanía, aos seus verdadeiros e lexítimos posuidores”. Na mesma liña, criticou as persoas que “vitorean” a “demostración de poderío” de Ence mentres a pasteira “incuba ovos pobres coa negra fumareda da usura e o latrocinio”.

Após cualificar Ence de “dragón franquista”, Solla denunciou a campaña de publicidade da empresa e censurou a actitude de confrarías da ría de Pontevedra, pois Ence prepara un convenio con elas para lles fornecer un barco. “Non podemos estar satisfeitos mentres un cofrade de Lourizán ou Raxó crea que debe axeonllarse ante Ence e un cofrade de Pontevedra crea que non paga a pena poñerse en pé”, sinalou ao respeito. “A rendición dos mariscadores condénanos a levar á boca un froito envelenado”, concluíu.

Entre as persoas que participaron da mobilización atopábanse as que foran deputadas de Podemos-En Marea Alexandra Fernández e Alejandra Rodríguez; a parlamentar do PSdeG Patricia Vilán ou o cabeza de lista do BNG-Nós por Pontevedra, Luís Bará, acompañado dunha nutrida representación do Bloque, entre a que destacaba a portavoz nacional, Ana Pontón. Aliás, estaban representadas organizacións como Adega, Erguer ou Galiza Nova.