Covid: Unha muller de 60 anos da Coruña recibe un sms da Comunidade de Madrid

Un sanitario protexido contra a Covid-19 no portal dun edificio de Madrid. (Foto: Europa Press)
Salud Pública da rexión gobernada por Isabel Díaz-Ayuso ofrécese a facerlle unha proba de antíxenos se non pasou o coronavirus nin presenta síntomas da enfermidade.

Na Galiza hai voces que falan da posibilidade de que a Xunta suxerira á comunidade sanitaria reducir o número de PCR e outras probas que se practican á poboación para comprobar se padecen ou xa pasaron pola Covid-19. Porén, na Comunidade de Madrid agora semella que hai material de sobra para facer os test, que ao goberno rexional de Isabel Díaz-Ayuso xa non lle importa que as listaxes de infectadas suban ou que non ten demasiado organizada a estratexia para evitar os contaxios.

Así pode entenderse da mensaxe que recibiu hoxe polo menos unha persoa que vive na Galiza e non ten unha relación tan estreita coa capital do Estado.

Segundo puido saber Nós Diario, unha muller de 60 anos da Coruña recibiu unha invitación de Salud Pública para comprobar se está contaxiada. A proposta, que chegou por mensaxe de texto (SMS), indica que o servizo de "Salud Pública" está a facer "test de antíxenos a residentes en su zona".

Malia esta suxerencia na que falan á persoa "si no ha pasado Covid y no tiene síntomas", semella que de momento os equipos sanitarios de Madrid non se trasladaron á Coruña para axudar á Xunta de Alberto Núñez Feixoo a facer os rastrexos. 

E é que o SMS, que polo tipo pode entenderse procedente dunha base de datos dixitalizada, acaba indicando que as probas faranse nunha "carpa municipal" na zona da Malvaloca, da que na cidade herculina non escoitaron falar.

A muller tería a oportunidade de desprazarse até a capital española o día 26 de novembro de 11.00 a 12.00 horas se sobre a cidade da Coruña (e os municipios da súa área máis próxima) non pesase, no momento de recibirse o SMS, un feche perimetral.

Polo tanto, haberá unha persoa menos das agardadas preparada para comprobar a afección do virus no seu corpo. Estas situacións, que se presentan como cómicas no día a día, non deixan de ser unha proba de que hai erros de organización na estratexia contra a pandemia.