Un mozo en estado grave tras ser apuñalado e recibir varios disparos en Ribeira

Un axente e un vehículo da Policía Nacional (Foto: Policía Nacional).

Unha persoa de 27 anos foi apuñalada e baleada está noite en Ribeira. O mozo atópase ingresado en estado grave no CHUS.

As rúas de Ribeira foron escenario dun novo episodio de violencia na noite de hoxe. Neste caso, a vítima foi un mozo agredido nas proximidades do Malecón desta vila do Barbanza.

Os feitos aconteceron pasadas as tres da madrugada. Nese momento, comezou unha pelexa entre a vítima e os seus atacantes, que provocou noutro lugar próximo o desenlace final.

As primeiras novas sobre o tiroteo chegaron as 3:20, cando un veciño da  rúa Diego Delicado se puxo en contacto co 112 para informar de varios disparos nesta céntrica rúa de Ribeira.

Tiroteo en Ribeira

O aviso alertou as forzas da orde, que se desprazaron ao lugar dos feitos e atoparon ao mozo con varias feridas graves provocadas por armas brancas e de fogo. A esta hora, continúa o dispositivo policial para dar cos autores da agresión.

O mozo foi trasladado inmediatamente nunha ambulancia asistencial de soporte vital atendida por persoal sanitario do PAC de Ribeira ao hospital comarcal do Barbanza, onde foi sometido a revisión.

A gravidade das feridas provocou o seu desprazamento ao Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS) por contar con máis medios para facer fronte a esta situación.

‘Entre a vida e a morte’

Nós Diario púxose en contacto con testemuñas presenciais dos feitos, que indicaron que o mozo “debatíase entre a vida e a morte” cando foi trasladado ao complexo hospitalario barbancés tras recibir a primeira asistencia na rúa.

As primeiras novas destacan que a vítima presentaba un orificio de bala no tórax e unha coitelada na mesma zona. A esta altura os responsábeis médicos non emitiron ningunha información oficial sobre o estado real do mozo.