Un mozo denuncia que o fecharon nun coche e lle prenderon lume en Marín

O coche calcinado en Marín (Imaxe: Radio Galega)

A Policía Nacional investiga un suceso ocorrido á primeira hora da mañá da terza feira no barrio de Estribela, en Marín (comarca do Morrazo).

Un home resultou ferido con diversas queimaduras sufridas no incendio dun vehículo —que quedou completamente calcinado— en cuxo maleteiro, segundo denunciou, fora encerrado.

O ferido, que primeiramente foi atendido no Hospital de Montecelo, foi trasladado á Unidade de Queimados do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac) con feridas nun cóbado e nas pernas.

Trátase dun veciño de Marín, de 29 anos, que nas súas primeiras declaracións á Policía Nacional indicou que fora introducido á forza no maleteiro e que alguén plantou lume ao coche.

Asegurou que puido escapar do vehículo tras forzar o respaldo dos asentos traseiros, segundo fontes policiais.

Un veciño prestoulle unha primeira asistencia e chamou os servizos de emerxencias, que se trasladaron ao lugar sobre as 7,15 horas da mañá e atoparon o home ferido á beira do vehículo, que estaba aparcado nun canellón sen saída da avenida Santa Ana, na parte alta de Estribela.

Os veciños da zona relataron que sentiron explosións e viron as chamas que saían do vehículo e o ferido, que estaba espido.