Un mozo denuncia o alcalde de Pol por unha presunta agresión: "Agarroume polo pescozo"

O Portomarín venceu por dous goles a un no campo do Pol. Na imaxe, o alcalde polego, Lino Rodríguez Ónega. (Fotos: Nós Diario - Europa Press)
O denunciante, veciño de Portomarín, estaba animando o seu equipo no campo do Pol, enriba dunha plataforma da TVG, e afirma que o rexedor, Lino Rodríguez, intentou tiralo "dunha estrutura que mide catro metros". O alcalde, porén, nega os feitos con rotundidade.

O mozo de 27 anos Brais Rodríguez, veciño de Portomarín, denunciou esta segunda feira ante a Garda Civil do municipio de Pol o alcalde desta localidade, o socialista Lino Rodríguez Ónega, por unha suposta agresión durante un partido de fútbol.

Os feitos denunciados sucederon supostamente nun partido no que o Pol pugnaba polo ascenso a Preferente, malia que finalmente perdeu (1-2) fronte ao Portomarín. A presunta vítima afirma que chegou unha hora e media antes do partido e que consultou co utillleiro do Pol se el e uns amigos podían subir a unha estrutura onde a Televisión da Galiza (TVG) adoita colocar os seus equipos.

Xa enriba da estrutura, o alcalde subiu "até en tres ocasións" para convidalos a deixar ese lugar e a non tocaren o bombo. A segunda vez que subiu para afearlles a súa actitude chegou a pedir aos dous axentes da Garda Civil que os botase dese lugar, mais non o fixeron.

A terceira vez que foi xa é cando, segundo asegura, ocorreu a suposta agresión. Brais Rodríguez relata que o rexedor "subiu correndo con escuma na boca" e agarrouno "polo pescozo". "Arrincoume dous colgantes que levaba e tentoume tirar da estrutura para baixo", sinalou. "De feito, o árbitro recolleuno na acta, que el me agarrou, que eu non lle puxen a man enriba e que me tentou tirar dunha estrutura de catro metros de altura", detallou.

Este mozo de Portomarín presenta "laceracións, unha marca no pescozo da forma da cade, unha rozadura na perna e, no brazo, marcas de unlla" de cando o agarrou, todo con base na denuncia presentada en dependencias policiais. "Non é de recibo que un alcalde faga estas cousas e menos a un rapaz diante de dous menores que van animar o equipo do seu pobo", protestou.

O alcalde, "moi tranquilo"

Pola súa parte, o alcalde de Pol asegurou estar "moi tranquilo", á vez que insistiu en subliñar que "non" fixo "nada malo". "Ao principio do partido díxenlles que non podían estar aí e volvín ao momento, e tamén os avisei, mais mofáronse de min", lembrou.

"Estaba a Garda Civil facendo o seu servizo no campo de fútbol e fun onda eles para dicirlles que había uns rapaces que estaban a facer caso omiso de saír de aí. No canto de acompañarme non o fixeron e os rapaces empezaron a bailar e tocar o bombo. Eu advertinlles pero o rapaz tiña máis que dicir e aínda por riba burlouse de min", esgrimiu.

Xa unha terceira vez volveu chamar a atención dos afeccionados do Portomarín. "Entón encaráronse comigo e eu collino da cinta do bombo e mandeinos para abaixo", asegurou. "Entón empezou a gritar. Eu responsabilizo a parella da Garda Civil porque ten que vir alí e se me din que eles poden estar aí eu non abro a boca. Eu díxenlles que non podían estar aí. Fixeron caso omiso e fixeron mofa de min, e teño que aceptar as mentiras", manifestou, resignado ante a denuncia, o rexedor.