O movemento LGTB+ concentraráse para demandar unha Lei Trans

Membros de colectivos trans após presentar unha proposta no Congreso. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
O colectivo convocou varias xuntanzas en distintos puntos do país. Serán o 31 de marzo para facelas coincidir co Día Internacional da Visibisilidade Trans.

Nun momento no que é importante reivindicar os dereitos para poder avanzar e para que non se perdan aqueles xa gañados, o movemento LGTBQI+ da Galiza convoca varias concentración co obxectivo de que as Administracións elaboren ao completo e den o visto e prace a unha Lei Trans.

Segundo explican é necesario loitar nas rúas para "exixir a aprobación da Lei Trans" que salvagarde os dereitos das persoas transexuais. O Goberno do Estado español xa conta cun borrador desta norma, impulsada por Unidas Podemos por considerar que é unha "débeda histórica", se ben hai bastante polémica.

O documento fala das persoas trans como persoas "cuxa identidade de xénero non se corresponde co sexo asignado ao nacer", polo que apostaría na "despatoloxización" da transexualidade. De feito, a norma proposta inclúe procedementos médicos e dereitos legais quer para as e os menores como para as e os adultos.

Desde a Galiza reclámase a aprobación canto antes "porque é de xustiza, pola defensa dos dereitos humanos".

Co lema e o cancelo #LeiTransXa, o colectivo procurará que malia a pandemia haxa mobilizacións en cinco das sete grandes cidades do país.

A cita será esta cuarta feira, 31 de marzo, para facela coincidir coa conmemoración do Día Internacional da Visibilidade Trans. As concentracións están previstas para as 20.00 horas.

En concreto, haberá actos oficiais na Coruña (praza de María Pita); Compostela (praza 8 de marzo); Vigo (ante o museo Marco); Pontevedra (praza de España) e Ourense (praza Maior). Dada a situación sanitaria recoméndase gardar a distancia de seguridade co resto das e dos participantes.