O Movemento Global para Gaza confirma o secuestro dos dous galegos da Flotilla e chama a se mobilizar en solidariedade cos activistas

Sandra Garrido e Manu López, integrantes da flotilla detidos por Israel. (Foto: GTMG / ML)

Cualifica de “ilegal” a interceptación de Israel dos barcos que formaban parte desta iniciativa humanitaria. Lamentan que desde a Xunta da Galiza non haxa reaccións.

Comparecencia de emerxencia do Movemento Global para Gaza – Galiza esta quinta feira, apenas unhas horas despois de que Israel iniciase a interceptación de barcos participantes na iniciativa humanitaria para levar axuda a Gaza e á detención dos seus tripulantes, entre eles dous galegos, Sandra Garrido e Manu López.

“Falamos con Sandra até que Israel cortou as comunicacións para proceder a interceptación do barco”, sinalou Ánxela Gippini, unha das portavoces deste Movemento. Explicou que están en contacto permanente coa embaixada española e o consulado, que lles notificaron que están á espera -canda avogados de movementos civís- de poder contactar cos tripulantes detidos.

Comparecencia desta quinta feira do Movemento Global para Gaza-Galiza. No centro da imaxe: 'Pasky' Varela, Áxnela Gippini, Alberte Pagán e Goretti Sanmartín. (Foto: Arxina)

Nun vídeo publicado por 'Global Movement to Gaza-Galiza' en Instagram, Garrido fai unha declaración en primeira persoa na que informa da detención e pide á sociedade civil que se mobilice.

"Son Sandra Garrido, representante galega da Global Sumud Flotilla, e se estás a ver este vídeo, é que fomos secuestradas polas forzas de ocupación israelí. Solicitamos á sociedade civil que pida a nosa liberdade e o fin do xenocidio do pobo palestino", afirma a activista.

“O proceder de Israel [a respecto deste tipo de detencións en anteriores flotillas] até o de agora era de detencións e incomunicacións de 48 a 72 horas”, apuntou Alberte Pagán, outro dos voceiros na Galiza desta iniciativa. “Que vai pasar se lle aplican a lie antiterrorista?”, preguntou, en referencia ás acusacións de Tel Aviv de que a flotilla era impulsaba por Hamás.

Gippini sinalou que “non sabemos os cargos que se lle imputan” aos tripulantes detidos, e incidiu en que a flotilla navegaba “baixo o dereito internacional e o dereito marítimo”, polo que o que comete Israel, abordando ademais os buques en augas internacionais, é “unha ilegalidade”.

Neste sentido, chamou a participar nas mobilizacións que esta quinta feira se convocaron nunha vintena de concellos da Galiza para denunciar a interceptación da flotilla, así como na manifestación nacional deste domingo, día 5, en Compostela.

“Hai que protestar ante a inacción dos Gobernos” fronte ao xenocidio, apuntou. “É unha misión pacífica e non violenta que transporta axuda humanitaria e civís de máis de 40 países”, explicou. Pola súa parte, ‘Paski’ Varela, compañeiro de Sandra Garrido, apuntou ao “nerviosismo” lóxico no que están as familias das persoas detidas por Israel.

A preguntas da prensa de se desde a Xunta da Galiza se puxeran en contacto co Movemento Global, Gippini dixo “lamemntar” que desde o Goberno galego non se mostrase interese nis se estabelecesen contactos. Fontes do Execut9ivo galego indicaron a Nós Diario que “as competencias de protección diplomática e asistencia consular son do Goberno de España e que confiamos en que, tal e como anunciaron, as exerzan apropiadamente”.

O Movemento quixo agradecer á eurodeputada do BNG Ana Miranda a súa implicación para coa Flotilla, así como a presenza da alcaldesa de Compostela, Goretti Sanmartín, na rolda de prensa desta quinta feira.