CONGRESO

O movemento contra os despexos critica ao PSOE por volver desmarcarse da iniciativa popular

despexos
“Non queren permitir que a sociedade civil exerza a acción procesal”, afirma a Plataforma contra dos Desafiuzamentos logo de que @s socialistas fosen por libre mentres BNG, Amaiur, ERC e Esquerda Plural asumisen os seus argumentos.

O PSOE non se sente cómodo asumindo a acción dos movementos sociais de esquerda. Así o deducen moit@s do feito de que decidise recorrer ao Constitucional en solitario e co seu propio e rebaixado escrito a Lei de Medidas Urxentes para protexer a bancos e propietarios de pisos que aprobou o Goberno e que provocou as críticas da Plataforma de Afectados polas Hipotecas (PAH), que preparou por si mesma un recurso que conta co aval d@s deputad@s de BNG, Esquerda Plural (IU-ICV-CHA), Amaiur, ERC, Compromís e Geroa Bai.

Un millón e medio de firmas, recollidas pola PAH e outras entidades sociais e na que se reclamaba a dación en pago universal e retroactiva, entre outras medidas, volven situarse no centro desta reivindicación, ante a que o PSOE séntese incómodo posto que parte da actual lexislación contra os despexos vén da súa época no poder. É por iso que malia que a Plataforma que encabeza Ada Colau necesita firmas para poder rexistrar o seu propio recurso, pois acudir ao Constitucional require contar con polo menos 50 deputad@s, @s socialistas non se sumaron e apoiaron o seu, o que desatou as críticas da PAH.

“Lamentamos que no PSOE non haxa capacidade política de permitir que a sociedade civil leve a cabo a acción procesal. Con esta forma de actuar, o PSOE demostra que non entende as formas éticas e honestas de estar en política e reforza máis o distanciamento da cidadanía con determinados partidos políticos”, afirma a Plataforma Anti Desafiuzamentos estatal nun comunicado.