Mostra de homenaxe ás refuxiadas en Compostela

O alcalde de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, na inauguración da mostra. (Foto: Europa Press)
Inaugúrase en Santiago a mostra Mira con outros ollos, que os pasados días 19 e 20 sufriu ataques vandálicos que danaron sete paneis expositivos.

O alcalde de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, inaugurou na Alameda unha exposición conmemorativa en apoio ás persoas refuxiadas co título Mira con outros ollos.

No evento estivo acompañado por membros da Rede Galega de Apoio ás Persoas Refuxiadas e por edís de Compostela Aberta, Bloque Nacionalista Galego e Partido Popular. Todos eles reclamaron xustiza e rexeitaron os actos vandálicos que sufriu a mostra esta semana e na que se danaron até sete paneis.

Os portavoces da rede de apoio, Miguel Fernández e Beatriz Estévez, participaron no acto inaugura lendo un manifesto no que criticaron “a difícil situación que viven milleiros de persoas refuxiadas” e “as causas que as obrigan a deixar os seus fogares”, levándoas a situacións de precariedade e mesmo de morte.

“O recoñecemento institucional destas mortes violentas é, sen dúbida, un pequeno acto de xustiza”, afirmou Miguel Fernández. Pola súa parte, Beatriz Estévez manifestou “a necesidade de mudar as políticas que inflúen na migración” e pediulle ao Estado español e á Unión Europea que rematen con condutas como “as devolucións en quente”.

Fernández, definido a como "emotiva" e indicou que “o paseo entre os paneis que recollen a morte de máis de 40.000 persoas supón unha experiencia conmovedora".

A mostra ábrese co poema “Fogar” da somalí Warsan Shire, e nos paneis pódese ler, debidamente documentados, os nomes de todas as persoas refuxiadas falecidas, así como a súa nacionalidade e a causa da morte.

Finalmente, o alcalde Sánchez Bugallo, esixiu a existencia dun compromiso por parte do conxunto dos actores políticos e sociais "en contra de trolas e mensaxes xenófobas ou discriminatorias contra a poboación migrante".