Un morto e máis dunha decena de persoas feridas nunha pelexa multitudinaria en Ribeira
Disparos, feridas de arma branca e atropelos no Centro Recreativo de Artes.
Unha persoa faleceu e máis dunha decena resultaron feridas esta terza feira na parroquia de Artes, en Ribeira (O Barbanza) nunha pelexa multitudinaria que se iniciou no Centro Recreativo.
O altercado requiriu a despregadura de axentes da Policía española e da Garda Civil, así como a actuación de ambulancias de Ribeira, Boiro, Noia e Compostela. Mobilizouse tamén un helicóptero do 061.
A pelexa comezou, por motivos que aínda se descoñecen, nunha festa que se desenvolvía no Centro Recreativo de Artes. Unha vez trasladada ao exterior do estabelecemento, acabou con disparos, feridas de arma branca e atropelos.
Algúns dos implicados foron detidos nunha peaxe da AP-9, após unha persecución pola Autovía do Barbanza.