QUIQUE COSTAS, PLATAFORMA PERSOAS ATINXIDAS POLA HEPATITE C

"Estas mortes poderían terse evitado"

Quique Costas [Imaxe GzContraInfo]

Desde a Plataforma de persoas atinxidas pola hepatite C aseguran que "temos un presidente que presume de cumprir os obxectivos de aforro, agora sabemos como o fai".  

Após coñecerse através da imprensa o contido da denuncia presentada polo Ministerio Fiscal contra a Xunta por un presunto delito de "homicidio" na morte de seis doentes de hepatite C aos que lles foi denegado ou concedido con demora o tratamento, desde a plataforma que abrangue este colectivo aseguran que o resultado da investigación levada a cabo pola Fiscalía é "estarrecedor". E é que "nós tiñamos coñecemento de tres mortes que imputabamos á xestión do Sergas" mais o escrito do fiscal "revela que o número de mortes nas que aprecian un suposto comportamento delitivo se multiplican. Son seis", sinala en conversa con Sermos Galiza, o seu portavoz, Quique Costas. 

Aliás, sinala, "fálase de cousas moi turbias" no escrito "como documentos, expedientes nos que se modificou a data de entrada", di. "Isto é tremendo" pois "non falamos só de xestión" a respeito da que "nós sempre dixemos que só importaba cumprir cos obxectivos de aforro". 

"Estas mortes poderían terse evitado facendo que "os medicamentos chegasen sen que mediase unha decisión política"

Neste senso, afirma, "sempre dixemos que 'Os recortes matan' non é unha mera consigna e isto negábase unha e outra vez" por parte da Xunta. "Estas mortes poderían terse evitado facendo que "os medicamentos chegasen sen que mediase unha decisión política". Costas critica o mantemento da subcomisión que debía aprobar o suministro dos fármacos mesmo cando esta debía desaparecer após a entrada en vigor do Plan estatal. Porén, lembra, "en febreiro [de 2015] debateuse no Parlamento unha proposición que presentamos através dos grupos da oposición, o PP votou en contra e rematou coa nosa expulsión da tribuna". Ese día o propio portavoz da Plataforma instou o grupo parlamentar do PP a "mirar á cara" da familia de Isolina, unha doente que estaba a ser soterrada "aquel mesmo día na Coruña" e cuxa historia fai parte da investigación da Fiscalía "como un presunto caso de homicidio". 

Responsabilidades políticas

Así, para alén das responsabilidades penais que poidan derivar do proceso xudicial iniciado desde a Plataforma exixen "responsabilidades políticas que son evidentes neste asunto". 

Pretendíamos ser curados e evitar mortes

"Pretendíamos ser curados e evitar mortes", subliña a respeito do traballo desenvolvido polo colectivo mentres lembra que Núñez Feijóo os acusou en diversas ocasións de seren "instrumento da oposición" e "estar manipulando e terxiversando". "Terá que explicarse", afirma. Aliás, instan a que as dúas persoas imputadas, Félix Rubial, antigo director de Asistencia Médica, e Carolina González, subdirectora xeral de Farmacia, sexan cesadas pois "continúan a ocupar postos de libre designación no Sergas". "Se iso segue quere dicir que [Feijóo] respalda o feito e as condutas presuntamente delitivas". 

A Plataforma de persoas atinxidas pola hepatite C fai parte do proceso como acusación. Neste senso avanzan que comezarán a preparar a súa participación "nos interrogatorios" que comezarán, segundo a información aparecida na imprensa o 28 de abril coas declaracións das dúas persoas investigadas.