Morre un veciño de Poio pola picadura dunha velutina

Niño dunha vespa velutina (Xunta).

Cando estaba canda a súa muller nunha leira da súa propiedade.


 

Un home de 73 anos de idade faleceu este domingo en Poio tras recibir a picadura dunha avespa velutina. É a segunda morte en dúas semanas por esta causa. O pasado 11 de maio morría en Santiago unha persoa de 54 anos tras ser picado por unha velutina.

T112 Galicia tivo constancia do suceso deste domingo tras recibir o aviso de que os profesionais do 061-Urxencias Sanitarias mobilizaran un helicóptero medicalizado até o lugar, situado na parroquia de Raxó.

De inmediato, a central de emerxencia deu conta dos feitos aos membros do GES de Sanxenxo, á Garda Civil, á Policía Local e aos voluntarios de Protección Civil de Poio.

Segundo relatan a Europa Press fontes dos corpos de seguridade do concello, o home acudira pola mañá canda a súa muller a unha leira próxima á súa vivenda, situada na rúa da Serpe. Foi alí onde ambos o dous recibiron as picaduras dasvelutinas.

O home, de 73 anos de idade, faleceu no lugar a pesar de que o equipo médico, desprazado nun helicóptero medicalizado con base en Santiago de Compostela, practicou manobras de reanimación durante 45 minutos.

Pola súa banda, a muller do falecido non corre perigo para a saúde, afirman as mesmas fontes.