Morre un motorista na N-541 ao seu paso por Cerdedo-Cotobade

Centro de atención de emerxencias do 112 Galiza. (Foto: Xunta)
É a terceira vítima mortal nas estradas galegas no que vai de ano. O home, de 52 anos e veciño de Marín, sufriu unha caída na mesma estrada na que se produciu o tráxico accidente de autobús de Noiteboa, a uns 16 quilómetros dese lugar.

Un home faleceu na mañá desta sexta feira ao sufrir unha caída cando circulaba en moto pola estrada N-541 ao seu paso pola parroquia de Tenorio, no concello de Cerdedo-Cotobade.

O accidente tivo lugar minutos despois das 9.30 horas desta sexta no punto quilométrico 82 da estrada nacional que une as cidades de Pontevedra e Ourense, segundo trasladaron fontes dos servizos de emerxencias.

O falecido é un home de 52 anos veciño de Marín que circulaba en sentido Ourense cando sufriu unha caída que o fixo saír da vía pola marxe contraria da estrada.

Desprazados ao lugar após recibir o aviso de mans da central de emerxencias, os profesionais de Urxencias Sanitarias-061 trasladaron o motorista até o Hospital Montecelo, onde faleceu.

Esta é a terceira morte nas estradas do país desde que principiou o ano 2023. Na noite da pasada segunda feira un home de 48 perdeu a vida nunha colisión con outro vehículo na estrada N-6, en Aranga, e o pasado 7 de xaneiro faleceu outro home no quilómetro 290 da A-52, en Salvaterra de Miño, cando viaxaba coa muller e o fillo, que foron hospitalizados.

A 16 quilómetros de Pedre

O accidente tivo lugar na mesma estrada nacional onde se produciu o tráxico sinistro dun autobús o día de Noiteboa que deixou sete falecidos ao precipitarse polo viaduto de Pedre, a uns 16 quilómetros de Tenorio.

Por mor deste suceso, alcaldes dos municipios polos que transita a N-541 uníronse para impulsar un pacto en demanda de melloras nesta estrada, que consideran que necesita unha remodelación integral polo estado no que se atopa, entre outras cuestións, o seu asfalto.