Morre o lobo que aparecera desnutrido nunha casa abandonada de Cuntis

O lobo apareceu nunha vivenda abandonada de Cuntis.

O lobo que apareceu nunha casa abandonada en Cuntis, en avanzado estado de desnutrición, morreu no centro de recuperación de Cerdedo-Cotobade día e medio despois de ser atopado.

O exemplar de lobo ibérico que apareceu, desnutrido, nunha casa abandonada en Castrolandín (Cuntis), faleceu na quinta feira no Centro de Recuperación de Fauna Silvestre de Carballedo, en Cerdedo-Cotobade.

O animal, segundo confirmou a Consellaría de Medio Ambiente, foi ingresado nas instalacións o día 25 pola noite tras o seu rescate logo de ser descuberto por veciños e veciñas da parroquia. Do seu traslado encargouse un axente medioambiental e dous empregados do centro de recuperación.

O lobo foi sometido a análises e durante as primeiras 24 horas permaneceu grave e ingresado nunha unidade de coidados intensivos. Faleceu cando non se fixeran dous días desde a súa chegada ao centro en avanzado estado de desnutrición.

De momento, a Consellaría non informou dos motivos da morte do animal, ao que se lle practicou unha autopsia.

O propio día 25, o alcalde de Cuntis, Manuel Campos, informaba os medios de que o lobo presentaba evidentes síntomas de desnutrición e debilidade, provocados previsibelmente por algunha enfermidade, mais non descartaba unha intoxicación por veleno.

A aparición do exemplar causou expectación na parroquia e numerosos veciños e veciñas achegáronse ao lugar para contemplalo. 

Foi unha veciña a que viu como o animal, de importante tamaño, se refuxiaba nunha casa abandonada de Castrolandín ao cruzarse no seu camiño. Nun primeiro momento, esta muller pensou que se trataba dun can, mais comentou a situación cos seus familiares, que se achegaron ao lugar e comprobaron que era un lobo.