Morre un home após caer ao mar co seu coche no porto de Laxe

Porto de Laxe. (Foto: Google)
Faleceu durante o traslado a un centro hospitalario.

Un home morreu na mañá desta segunda feira despois de precipitarse á auga co seu coche no porto da localidade de Laxe, na comarca de Bergantiños. O falecido, de mediana idade, foi rescatado da auga con vida, mais perdeu a vida durante o traslado a un centro hospitalario, segundo confirmaron fontes da Garda Civil.

O suceso tivo lugar contra as 9.30 horas de hoxe no peirao do porto de Laxe. Varias persoas chamaron á central de emerxencias do 112-Galiza para alertar da caída á auga dese vehículo no que, cando menos, apuntaban esas persoas, estaba unha persoa.

O 112 activou un operativo de emerxencias que implicou á Garda Civil, Urxencias Sanitarias-061, Protección Civil ou Policía Local. A vítima, único ocupante do coche caído ao mar, foi sacada da auga por un mergullador que se atopaba na zona extraendo navalla, pero faleceu antes de poder recibir asistencia médica.