Morre un home en Baiona tras ser rescatado da auga con síntomas de afogamento

Unha ambulancia do servizo de emerxencias do 061 da Galiza. (Foto: Nós Diario)
Máis dunha ducia de chamadas ao 112 alertaron de que sacaran a unha persoa da auga en Baiona, concretamente na praia de Santa Marta. Solicitaban asistencia médica urxente para o home, que xa estaba na area e que presentaba síntomas de afogamento.

Un home faleceu esta terza feira no municipio de Baiona (comarca de Vigo) tras ser rescatado da auga con síntomas de afogamento. Segundo informou o 112, o equipo médico tentou repetidamente a reanimación cardio-pulmonar, e mesmo foi trasladado ao centro de saúde da localidade, mais faleceu.

Máis dunha ducia de chamadas ao 112 alertaron de que sacaran a unha persoa da auga en Baiona, concretamente na praia de Santa Marta. Solicitaban asistencia médica urxente para o home, que xa estaba na area e que presentaba síntomas de afogamento.

Aínda que aínda non está claro que ocorreu, a persoa faleceu tras varios intentos por recuperalo e mesmo a pesar do seu traslado a un centro médico. Ao momento trasladouse Urxencias Sanitarias da Galiza-061 e foi necesaria a mobilización doutra dotación médica para atender a acompañante da vítima, que estaba en estado de shock. Tamén se trasladou a Policía Local.