Falece un home de 48 anos nun accidente de tráfico, a segunda morte nas estradas galegas en 2023

Sede da Axega. (Foto: 112)
O sinistro produciuse na parroquia de Vilarraso, en Aranga, na noite desta segunda feira.

Un home, M. V. P., de 48 anos de idade, faleceu na noite desta segunda feira após producirse un accidente entre un turismo e unha furgoneta na estrada N-6 ao seu paso pola localidade de Aranga. Segundo informaron fontes do 061, foi minutos antes das 23 horas cando a central de coordinación de urxencias sanitarias da Galiza recibiu a alerta do suceso, ocorrido na parroquia de Vilarraso.

Ao lugar desprazáronse dúas ambulancias de soporte vital básico, así como unha ambulancia de soporte vital avanzado e persoal sanitario do Punto de Atención Continuada (PAC) de Curtis, debido a que había dúas persoas feridas, segundo as primeiras informacións que recibiran, así como o GES de Curtis, a Garda Civil de Tráfico, o persoal de limpeza e mantemento da vía e os Bombeiros de Betanzos, aínda que non foron necesarios medios de excarceración para acceder ás vítimas.

Finalmente, unha delas faleceu, mentres que a outra foi trasladada ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac), un home (C. M.G.) de 56 anos de idade.O 112 Galiza informou de que estes eran os dous únicos ocupantes dos vehículos sinistrados e foi o sistema automático dun dos automóbiles o que informou do sucedido.

Esta é a segunda morte que se produce nas estradas do país no que vai de ano, logo de que o pasado 7 de xaneiro perdese a vida outro home no quilómetro 290 da A-52, en Salvaterra de Miño. O vehículo, no que tamén viaxaban a súa muller e o bebé —trasladados ao hospital—, colisionara con outro cun único ocupante —tamén hospitalizado— que tivo que ser excarcerado.

En 2022 aumentaron os sinistros mortais

A Galiza rexistrou un total de 89 falecementos nas estradas en 2022, unha cifra que supera as do último ano prepandemia, 2019, no que houbo 88 vítimas mortais. Segundo os últimos datos da Dirección Xeral de Tráfico (DXT), a zona máis prexudicada foi o nordeste do país, onde aumentaron de 39 falecementos en 2019 a 42 en 2022.

Realizando a comparativa con 2021, cando se rexistraron 78 mortes, en 2022 producíronse 11 falecementos máis. Porén, a DXT recorda que nese ano aínda había restricións á circulación pola pandemia.

As cifras ofrecidas son provisionais e referidas só aos accidentes mortais ocorridos en vías interurbanas e con vítimas rexistradas até as 24 horas posteriores do sinistro.