Morre un bateeiro tras afundir un barco mexilloeiro fronte ao Grove
O patrón do barco bateeiro Hermnos Rey, de 75 anos de idade, faleceu no afundimento da embarcación, mentres traballaba a bordo do mexilloeiro fronte ao Grove, na comarca do Salnés. Outros dous tripulantes, filla e xenro do falecido, foron rescatados. Segundo fontes da Garda Civil, o barco naufragou cando volvía a porto e xa están a investigar o ocorrido.
O sinistro produciuse nas inmediacións do porto de Meloxo a onde foron alertados Salvamento Marítimo, Gardacostas, Garda Civil, GES de Sanxenxo, Policía Local e Protección Civil.
Fontes de Salvamento Marítimo explicaron a Europa Press que ás 9.30 horas produciuse unha chamada ao centro de coordinación de Fisterrapra dar aviso dun barco bateeiro afundido. A embarcación atopábase coa proa cara arriba e os tripulantes foron rescatados por outros barcos mexilloeiros que traballaban na zona. Até o lugar mobilizáronse tamén medios aéreos como o helicóptero Pesca 1.
A embarcación Polaris levou os dous tripulantes vivos a terra, á vez que o bateeiro Nuevo Moldes trasladou a terra o corpo do falecido. O Hermanos Rey é un auxiliar de bateas dado de alta en 1991. O seu casco é de madeira, con 13,5 metros de eslora.
Corremento da carga
O alcalde do Grove, José Antonio Cacabelos, apuntou que "unha mala estiba" da carga de mexillón que traía o bateeiro Hermanos Rey puido ser a causa do seu afundimento.En declaracións aos medios tras manter un encontro coa alcaldesa de Santiago, Cacabelos trasladou as súas condolencias á familia do falecido, unha persona "moi recoñecida e coñecida" no Grove e "moi vinculada ao sector bateeiro", do mesmo xeito que a súa filla, "patroa e recoñecida no sector" na localidade e que tivo que ser rescatada tras o afundimento do barco.
O rexedor explicou que as primeiras informacións sinalan que o barco se atopaba preto do porto de Meloxo e que "parece ser que unha mala estiba da carga que traían do mexillón fixo un corremento e provocou o afundimento do barco". "A verdade é que as condicións climatolóxicas eran das mellores para traballar no sector bateeiro", recoñeceu o alcalde.