O Morrazo mobilízase contra a impacto da turistificación na comarca: "Unha turista máis, unha veciña menos"

Mobilización contra a masificación turística no Morrazo, este 10 de maio en Cangas. (Foto: Plataforma de Afectadas polo Turismo)
Unha trintena de colectivos apoiaron este sábado, 10 de maio, unha protesta que sacou ás rúas de Cangas un millar de persoas.

Baixo o lema "O Morrazo ten un límite", a Plataforma de Afectadas polo Turismo mobilizou este 10 de maio un millar de persoas de toda a comarca, que chama a atención sobre as consecuencias do turismo sobre o territorio e, en particular, sobre os municipios da comarca.

A protesta saíu da Casa da Cultura de Cangas ás 12 horas e contou co apoio de trinta e cinco colectivos sociais, sindicais, veciñais e culturais do Morrazo que denuncian o impacto multisectorial da masificación turística, que acaba por afectar tanto á mobilidade, como á rede de saneamento, o acceso á vivenda, os espazos naturais protexidos, a cultura ou as condicións e dereitos laborais.

Mobilización contra a masificación turística no Morrazo, este 10 de maio en Cangas. (Foto: Plataforma de Afectadas polo Turismo)

A veciñanza uniuse á manifestación para dar conta dun problema que "é necesario abordar en colectivo e desde as propias organizacións de base". O modelo actual de turistificación, salientaron durante a marcha as convocantes é un "un proceso caótico e desordenado".

"Estamos sendo testemuñas de como este proceso invasivo e egoísta avanza sen que se poña enriba da mesa outro discurso que o hexemónico: o turismo trae riqueza", denunciaron durante a lectura do manifesto. Reclaman unha comarca afastada desa proposta única. "O Morrazo non é un produto que se poida vender ao mellor postor. É un lugar para vivir. Unha comarca digna, organizada e combativa", destacaron.

Con esta protesta, a poboación do Morrazo amosa que está "chegando ao límete", explican a Nós Diario desde a plataforma de afectadas, que denuncian un incremento exponencial da masificación turística nos últimos anos, "sobre todo a raíz da pandemia mais tamén como resultado da crise climática que afecta o Mediterráneo. As modas cambian e agora parece que nos toca a nós sufrir un proceso que afecta de forma moi negativa á poboación local".

Impacto directo na vida da veciñanza

A vivenda de uso habitual está a desaparecer en favor do aluguer turístico, o que obriga moita xente nova a marchar. "Ademais, moitas infraestruturas, como as estradas, non están preparadas para asumir o tránsito tremendo de vehículos que hai durante o verán, sobre todo na zona do Hío". Outra consecuencia, apuntan os colectivos da plataforma é "o estrés e a ansiedade" que se apodera da veciñanza polo menos tres meses ao ano, porque "a túa vida deixa de ser túa", describen, con colas en todas partes.

Mobilización contra a masificación turística no Morrazo, este 10 de maio en Cangas. (Foto: Plataforma de Afectadas polo Turismo)

A contorna tamén se ve prexudicada, "os ecosistemas e a ría, ateigada de barcos e veleiros", que xeran un depósito de residuos importante que a rede de saneamento tampouco está preparada para asumir. "De feito, xa van varios anos en que se teñen que fechar praias pola concentración de bacterias fecais e pola sobrecarga do sistema".

Muda a calidade do turismo

O incremento da masificación turística que este sábado denunciou a veciñanza do Morrazo en Cangas vén acompañado doutra característica, advirten desde a Plataforma de Afectadas polo Turismo, a mudanza no perfil de veraneantes. "As familias de clase traballadora que aforraban todo o ano para vir uns días ao Morrazo, que coñecían a poboación de aquí, que tiñan interese pola cultura, polo territorio, que eran máis respectuosas e menos numerosas, deron paso a un turismo de consumo rápido, de sol, praia e gastronomía, que parece disposto a ter o que quere por riba de quen sexa".

A proba, din, son os turismos aparcados en zonas protexidas ou de tránsito para os peóns, "mesmo hai quen se atreve a romper feches para acceder a un predio privado sen permiso dos propietarios ou quen exixe na hostalaría que cambien de idioma para seren atendidos".

Neste sentido, as convocantes desta mobilización lembran que a repercusión positiva "que se nos vende" deste tipo de turismo "é falsa", xa que a riqueza derivada atinxe unhas poucas persoas, mentres que as consecuencias negativas chegan a toda a poboación. "O traballo que xera é precario e estacional. Este modelo de turismo é insostíbel, non é unha alternativa sólida", polo que chaman ás administración a seren "valentes" para mudalo, estabelecendo límites en materia de vivenda ou mobilidade.

Mobilización contra a masificación turística no Morrazo, este 10 de maio en Cangas. (Foto: Plataforma de Afectadas polo Turismo)