Medio ambiente

Os morcegos, protagonistas do encontro de voluntariado Proxecto Ríos

Sobreiral do Arnego (Imaxe: Santiago Turismo)
Adega convoca para este sábado o  XVII Encontro de Voluntariado do Proxecto Ríos

Este sábado, 17 de xullo, decorrerá o XVII Encontro de Voluntariado do Proxecto Ríos, unha xornada organizada por Adega que "pretende ser un espazo de encontro para as persoas participantes neste programa de voluntariado ambiental en ríos".

Desta volta organízase no Sobreiral do Arnego, e xirará arredor da custodia fluvial e da conservación dos quirópteros no marco da iniciativa Custodiando o Sobreiral do Arnego.

Adega ten un Acordo de Custodia do Territorio neste espazo desde 21 de marzo de 2016 para desenvolver actuacións de divulgación, estudo e conservación no Sobreiral do Arnego.

As citadas accións desenvólvense na parcela A Zarra da Pena e na contorna do río Arnego. Realízanse inventariados de flora e fauna, recuperación de elementos naturais e etnográficos así como actividades de voluntariado ambiental. Unha das principais liñas de traballo é o estudo e inventariado dos morcegos de ribeira e forestais.

O sábado, a partir das 18 horas da tarde, a acción estará centrada no seguimento dos morcegos presentes no Sobreiral do Arnego.

Coa colaboración do especialista Xosé Pardavila de Sorex, revisarán as caixas-refuxio instaladas na parcela da Zarra da Pena desde o ano 2018 para ver que especies as están a ocupar.

A seguir, logo dunha merenda-cea, realizarase a Noite dos Morcegos. Instalaranse as redes para a captura dos morcegos, que tamén serán analizados con detectores de ultrasóns.

No transcurso da noite realizarase tamén unha formación sobre a participación no Quiroríos, programa de seguimento e monitoraxe de morcegos acuáticos.

A actividade é gratuíta e as prazas limitadas, segundo informa Adega.