Monte Pindo leva a Xunta perante o Valedor porque non dá información sobre o incendio

Incendio no Monte Pindo [arquivo SG]

A asociación quere saber se a consellaría do Medio Rural está a vulnerar lexislación europea ao non dar dados sobre o custe do operativo de extinción e que porcentaxe de destinou á empresa privada. 


A asociación Monte Pindo Parque Natural denunciou a Xunta da Galiza perante o Valedor do Pobo ao se negar a informar sobre o incendio de setembro de 2013. Pasaron dous meses desde que o colectivo solicitou á consellaría do Medio Rural dados a respeito do investimento que realizaron no operativo de extinción do lume, mais tamén de que porcentaxe dese investimento foi entregado á empresa privada.

Aliás, reclamaron tamén coñecer o desembolso deste departamento do Goberno galego nos tres anos anteriores ao lume, desde que naceu a asociación para reclamar a declaración de Parque Natural para este espazo. Porén, segundo denuncia Monte Pindo, "a Xunta dá a calada por resposta" porque dar a coñecer esa información evidenciaría, di o colectivo, "o verdadeiro fracaso da xestión florestal e medioambiental" do PP á fronte do Executivo nacional "favorecendo o monocultivo de eucalipto".
 

A falta de interese da Xunta á hora de facilitar esa inforación podería estar a vulnerar a lexislación europea, nomeadamente a directiva 2003/4/CE; a lexislación estatal, Lei 38/1995 e Lei 27/2006; e galega, coa Lei 1/1995. Todas elas regulan o dereito de acceso á información relacionada co medio ambiente. Por todo isto, a asociación procurou o amparo do Valedor do Pobo.