Mobilización de persoal da UCI de adultos do CHUS por unha unidade de coidados intensivos “digna”

Imaxe da mobilización (CIG-Saúde)

Indican que a COVID-19 evidenciou que non reúne as condicións que serían desexábeis.

Persoal da UCI de persoas adultas do Complexo Clínico Universitario de Santiago (CHUS) concentráronse esta segunda feira, apoiados por profesionais doutros servizos do centro da capital galega, para reivindicar unha unidade de coidados intensivos “digna”.

A mobilización, convocada pola CIG-Saúde, sumou por volta de 200 persoas, segundo as convocantes, para reivindicar “condicións dignas e xustas”.

O responsábel comarcal da CIG-Saúde, Xosé Marcote, explicou que na UCI os cubículos “non están fechados como na REA (reanimación)”, ao persoal móveno da unidade a todos os servizos e non contabiliza como tempo traballado o que precisan para se duchar ou equiparse. “Non houbo unha  reorganización colectiva da unidade”.

Alberto Rodríguez, tamén da organización convocante, indicou a Nós Diario que esta UCI non foi unha “prioridade” para as direccións: “Ningunha de todas as xerencias que pasou por aquí fixo nada”, lamentou.

“Rematemos co pesadelo de traballar nunhas condicións inxustas e humillantes”, reclamábase na faixa principal, acompaña de cartaces nos que se pedía que “Os doentes da UCI tamén teñen dereito á dignidade”.

O persoal continuará coas mobilizacións en caso de non haber resposta ás súas demandas. Esta segunda feira tiveron unha xuntanza coa dirección do CHUS e agardan que haxa “concrecións” do falado.