Moaña entrega 1.700 sinaturas na Xunta para reclamar o PAC-Urxencias

A alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, no centro, amosando as sinaturas entregadas. (Foto: Nós Diario)

Sanidade non se compromete a que o novo centro de saúde teña este servizo, malia figurar no convenio asinado co Concello para a cesión dos terreos.

Máis de medio cento de veciños e veciñas de Moaña (O Morrazo) desprazáronse esta quinta feira até Compostela para facer unha entrega simbólica das 1.700 sinaturas recollidas para reclamar á Consellaría de Sanidade o servizo de PAC-Urxencias comprometido pola propia Consellaría para o novo centro de saúde de Sisalde.

A alcaldesa, Leticia Santos, presente no acto en Compostela, explicou a Nós Diario que no convenio asinado en 2020 entre o Concello e Sanidade para a cesión de terreos para a construción do centro de saúde figuraba que debía de ter un PAC. Porén, agora, a Consellaría evita confirmar ao Concello se o centro terá ese servizo.

Concentración esta quinta feira 10 de xullo ante a Consellaría de Sanidade. (Foto: Nós Diario)

“Desde marzo solicitamos até en tres ocasións a reunión da comisión de seguimento prevista no propio convenio para tratar este tema e non recibimos resposta”, sinala Santos. “É unha falta de respecto ao Concello de Moaña”.

A alcaldesa afirma que o Concello non desbota recorrer á vía xudicial para exixir o cumprimento do asinado entre ambas as dúas partes no convenio. Mentres, manteñan a vía da mobilización social e a da política institucional, a través da defensa de mocións con esa reclamación.

Concentración esta quinta feira 10 de xullo ante a Consellaría de Sanidade. (Foto: Nós Diario)

Moaña acumula 192 semanas de mobilización veciñal na defensa do seu servizo de Urxencias, que lles foi suprimido coa excusa da pandemia, en 2020. “Coa escusa do Covid levaron noso PAC a Cangas e mantéñeno alí sen xustificación”, afirma a rexedora.