Mireia Rodríguez: "É unha cervexa feita co noso centeo, co noso corazón e con moito amor pola terra"
Avante Pouca
Cal é a historia de cervexas Colmo?
Hai tres anos producíronse uns incendios aquí nos Ancares que afectaron a moitas vilas da zona, entre eles a Vilarello, a vila de miña nai. En Vilarello xa non traballabamos as terras pero, a raíz do incendio, comezamos a plantar centeo para revivir o solo. Manuel, a miña parella, foi quen decidiu aproveitar ese centeo para crear unha cervexa. Ademais pensamos en empregar a palla restante para teitar as pallozas e hórreos da zona. De feito, vimos de conseguir teitar o primeiro hórreo con este centeo, o hórreo de Martínez. En honor a este hórreo presentamos unha edición limitada. Esta consiste nun botellón especial da cervexa que vai acompañado dun pequeno libro no que se conta a historia do proxecto. Ademais, este Nadal a cervexa Colmo fai un ano e, para celebralo, publicamos por redes un pequeno anuncio da cervexa no que se resume todo o proxecto.
Avante Media
Que acollida tivo a cervexa e o proxecto en xeral?
Nós traballamos no hotel de Piornedo con moitos turistas e xa notabamos un interese especial polas cervexas artesás. Cando estreamos a cervexa Colmo e comezamos a contar a súa historia, todas as persoas que pasaban polo hotel querían probala. A acollida está a ser estupenda. É unha cervexa feita con todo o noso corazón e con moito amor pola terra e todos os que coñecen a historia queren colaborar. Nós estamos moi motivados para continuar. Aspiramos a que a xente probe a Colmo e lle guste, esa é a nosa maior satisfacción. Trátase dunha cervexa algo amarga pero con moito sabor dado o gusto a mel que lle proporciona o centeo. Eu penso que o que fai da Colmo unha cervexa especial é a dedicación e o traballo de toda a miña familia nela. É como un fillo acabado de nacer.
Avante Toda
Que plans de futuros teñen? É un proxecto que pode durar no tempo?
Oxalá si. Nós estamos moi motivados e queremos continuar. No confinamento atopámonos con que non podiamos vender as cervexas dado que o hotel estaba fechado, entón comezamos a vendelas de forma online. Ademais, Manuel tamén as distribuíu por diferentes puntos: León, A Coruña, Santiago, Lugo etc. Aquí nos Ancares algúns coñecidos que levan restaurantes ou aloxamentos de alugueiro, tamén as están servindo. A xente está moi interesada en probar unha cervexa con tanta historia.