O ministro en funcións de Ciencia pide en Vigo prudencia coa iluminación de Nadal

Luces de Nadal en Vigo: Foto: cedida.
“Xa podiamos ter coidado e que as luces apuntasen cara abaixo e non para arriba, porque os cativos teñen dereito a ver as estrelas. E dalgún xeito temos que conxugar as dúas cousas”. Así respondeu o ministro en funcións de Ciencia, Pedro Duque, a preguntas sobre as luces de Nadal durante a súa visita a Vigo esta quinta feira.

Pedro Duque alertou do exceso de luz artificial na cidade de Abel Caballero, cuxa iluminación de Nadal é unha das actuacións das que máis presume o alcalde. Mais a chamada contaminación lumínica está a entrar no debate público e a ela parecía remitir Duque cando advertiu de que as luces da rúa no Estado español son “inifinitamente máis potentes” que en Inglaterra ou Alemaña.

O ministro en funcións solicitou “coidado” á hora de instalar iluminación adicional nas urbes. Hai unhas semanas, porén, o rexedor de Santiago de Compostela Xosé Sánchez Bugallo anunciaba que dobraría o orzamento dedicado a adornar con luces as rúas durante o nadal.