A ministra de Igualdade di que é “necesario” revisar a Lei contra a violencia machista
A ministra de Igualdade, Ana Redondo, asegurou que están a traballar na renovación do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero e que "agora mesmo" é necesaria unha "revisión" da lei orgánica de 2004 contra a violencia de xénero para "dar resposta ás novas violencias" como a violencia vicaria contra os menores, a económica ou a que se produce na internet e as redes sociais.
"A renovación do Pacto de Estado, na que estamos a traballar xa, permitiranos abrir novos marcos que permitan actualizar a lei e dar resposta ás novas violencias", subliñou Redondo esta sexta feira durante o acto polo XX aniversario da Lei Orgánica de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero, que se celebrou na sede do Ministerio de Igualdade.
Ademais, nun ano "dramático" con 46 mulleres asasinadas polas súas parellas ou ex parellas, a ministra convidou a seguir traballando para "arrinconar" o "negacionismo da violencia machista".
"Hai no horizonte un novo pensamento que criamos erradicado, trasnoitado, superado, pero que non o está: o negacionismo da violencia machista, novos partidos que son os vellos con novas siglas, que pretenden devolvernos á caverna", alertou.
A ministra tamén expresou o seu agradecemento a quen estivo na redacción e o traballo previo da lei orgánica de 2004 contra a violencia de xénero, unha lei "revolucionaria", que se debe "agradecer ao movemento feminista" e que "hoxe é unha referencia a nivel internacional".
Hoxe estamos nunha encrucillada histórica a nivel nacional e global por iso é importante que a lei sexa referente internacional. Vímolo no caso de Gisèle Pelicot, moitos países miran a España para buscar a fórmula para avanzar en igualdade", destacou.