O Ministerio propón suspender a inoculación de AstraZeneca en menores de 60

Vacinas de AstraZeneca. (Foto: Goberno de Aragón)

O Ministerio de Sanidade propón suspender temporalmente a vacinación con AstraZeneca nas persoas menores de 60 anos.

O Ministerio de Sanidade propuxo na noite desta cuarta feira, 7 de abril. durante o Consello Interterritorial de Saúde suspender temporalmente a vacinación con AstraZeneca nas persoas menores de 60 anos, despois de que a Axencia Europea do Medicamento comunicara o posíbel vencello entre os casos de trombos e a vacina da farmaceútica anglosueca.

O Consello Interterritorial de Saúde debatiu tamén a proposta do Goberno de permitir que o uso da máscara non sexa obrigatorio ao facer deporte, descansar nun lugar fixo, estar na praia ou en calquera situación en exterior que permita manter a distancia de seguridade de metro e medio.  

No que atinxe ás praias, o acordo permitiría non usar máscara ao bañarse, sexan masas acuáticas naturais ou en piscinas, ou no caso de practicar deportes acuáticos. Tampouco será obrigatorio o seu uso antes ou despois do baño.

Para encaixar legalmente este acordo, equipararíase o exercicio persoal coas actividades que supoñan un esforzo físico intenso, non deportivo, ao aire libre e individuais.

Antes da xuntanza, Julio García Comesaña, conselleiro de Sanidade da Galiza, apuntou que se ben na praia non se teñen que usar se se está quieto na area e hai distancia dabondo, defendeu que no caso do deporte ao aire libre sexa necesario manter a obrigatoriedade da máscara. 

Este debate chega despois da promulgación o 29 de marzo da Lei de medidas urxentes de prevención, contención e coordinación para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola Covid-19, tamén coñecida como lei da nova normalidade, na que incrementaba os supostos nos que é obrigatorio o uso da máscara. Varios territorios do Estado alzaron a voz cuestionando a aplicación da lei e pedindo que se "interpretara" pola afectación que poderían supor estas restricións no sector turístico.

Isto obrigou a Carolina Darias, ministra de Sanidade, a ofrecer aos territorios a posibilidade de revisar o artigo 6.2 da lei, que regula o uso da máscara. 

No texto orixinal, só se excluía da obriga de levar a máscara ás persoas que presentasen doenza, dificultades respiratorias ou condicións que puidesen empeorar polo uso da máscara.