O Ministerio de Educación apunta que a universidade privada que impulsa Cesuga ten o seu "informe desfavorábel", mais decide a Xunta

Presentación da futura Universidade Emilia Pardo Bazán, impulsada por Cesuga, o pasado 30 de abril na Coruña. (Foto: Cesuga)
O informe contrario do Consello Xeral de Política Universitaria é preceptivo, pero non é vinculante, polo que o Goberno galego podería autorizar o proxecto.

O Ministerio de Educación sostén que a comisión delegada do Consello Xeral de Política Universitaria (CGPU) emitiu en marzo do ano pasado un "informe desfavorábel" sobre a nova universidade privada que Cesuga planea na Coruña, aínda que a Xunta tería a potestade lexislativa de decidir se vai ou non para diante.

Fontes do Ministerio consultadas por Europa Press indicaron que o pronunciamento desfavorábel no marco do Consello Xeral de Política Universitaria concretouse "con sete votos en contra e sete abstencións, incluída a do responsábel autonómico de Universidades".

Tras este informe, o Ministerio entende que non ten "trámites" pendentes, e que é a Xunta, segundo a lei vixente, a que terá que adoptar unha decisión en relación a se autoriza ou non a universidade. O documento da CGPU, aínda que é preceptivo, non é vinculante, e segundo indica o departamento estatal, comunidades como Canarias, Andalucía ou Madrid deron pasos nos últimos meses para impulsar proxectos que lexislen novos centros deste tipo aínda co informe en cuestión en contra.

A Xunta ve necesaria "unha aclaración" do ministerio

Con todo, esta mesma semana, preguntado sobre a posíbel creación da universidade privada Emilia Pardo Bazán, promovida por Cesuga, o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, dixo que si consideraba necesaria "unha aclaración" por parte do Ministerio e mostrábase cauto sobre a posíbel decisión da Xunta. "Celebramos que haxa unha iniciativa, pero todas teñen un procedemento", manifestou o titular de Educación do Goberno galego.

A denominada Universidade Emilia Pardo Bazán, que Cesuga conta pór en marcha no curso 2026-2027 recibiu nos últimos días o rexeitamento do sindicato maioritario no ensino da Galiza. A raíz desta iniciativa, a  CIG-Ensino denunciou un "novo intento de avanzar" nunha oferta universitaria privada "totalmente coincidente coa oferta pública xa existente" e reclamou que non se lle conceda autorización ao proxecto de universidade privada que o grupo empresarial presentou na Coruña o pasado 30 de abril.

"A responsabilidade última do que aconteza coa que pretende ser a segunda universidade privada do país recaerá na Xunta da Galiza", advertiu o sindicato nun comunicado emitido esta mesma semana no que tamén lamentou o "espectáculo propiciado pola alcaldesa da Coruña [Inés Rei], co seu entusiasta apoio a unha entidade que pretende competir coa oferta pública da cidade, co único fin de lucrarse e promover unha universidade elitista e segregadora".

O proxecto tamén conta co rexeitamento de CCOO, que censurou o apoio manifesto da rexedora da Coruiña ao proxecto, e do reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao, que exixe as máximas garantías no dictame final para non prexudicar o sistema público de universidades