Millóns de mulleres indias forman un muro de 620km pola igualdade

Imaxe da cadea humana formada na India

A reivindicación xorde após o levantamento do veto á entrada de mulleres no templo de Sabarimala en Kerala. As cifras que se manexan apuntan a un número entre catro e cinco millóns de mulleres.

Historicamente as mulleres en idade de menstruar —intervalo definido polo estado entre os 10 e os 50 anos— tiñan prohibida a entrada ao templo de Sabarimala no estado de Kerala (India). Dende que o Tribunal Supremo do país asiático levantase esta prohibición, centos de persoas en desacordo intentaron evitar a entrada de mulleres pola súa conta.

 

A pasada terza feira 2 de xaneiro, millóns de mulleres formaron unha cadea humana de até 620 km de lonxitude. Durante perto de quince minutos, mulleres de todo o estado agarradas das mans e espalladas polas autoestradas protestaron polos ataques as mulleres que intentan entrar no centro e reclamaron maior igualdade no país.

 

As protestas contra este acto deixaron decenas de feridos e vehículos destruídos, contou a CNN.