Milleiros de persoas saen ás rúas galegas contra a 'Lei Mordaza' do PP

Alianza Social Galega / E.P.

A Lei de Seguridade Cidadá que proxecta o Goberno central foi contestada nas sete cidades a convocatoria da Alianza Social Galega, que denunciou o intento de “recortar dereitos democráticos como o de folga”.

 
 
 
 

Milleiros de persoas percorreron as rúas das principais cidades galegas para amosar a súa disconformidade coa reforma da Lei de Seguridade Cidadá que prepara o Goberno do PP. As marchas foron convocadas pola Alianza Social Galega, e tiveron lugar nas sete urbes do país, en todos os casos con grande seguimento.

Por exemplo, decenas de persoas saíron polas rúas de Compostela, onde cualificaron de “mordaza” a lexislación planificada e berraron contra a impunidade dos casos de corrupción comparada coas fortes multas e sancións que sufren activistas por participar en protestas sociais. Na manifestación houbo abondosa presenza sindical, xa que desde as centrais se denuncia que “o Goberno está a recortar dereitos como o de folga”.

Suso Seixo, da CIG, denuncia que sexa a propia Administración a que sancione "sen presunción de inocencia"

En Santiago estivo presente o secretario xeral de CIG, Suso Seixo, que denunciou que, coa esta Lei de Seguridade Cidadá, "non hai presunción de inocencia", senón que sostén que é a "propia Administración" a que "sanciona" a partir de "informes policiais e da Garda Civil" que teñen "presunción de veracidade". Tamén estivo presente o voceiro nacional do BNG, Xavier Vence, que criticou a “represión que aplica o PP cando o necesario é todo o contrario”.

En Vigo, na marcha máis secundada cunhas 3.000 persoas, ás reivindicacións contra a devantida Lei uníronse outras, ben moi relacionadas como a petición de indulto a Carlos e Serafín, dous sindicalistas condenados, ben paralelas, como a presenza de afectad@s polo calote das preferentes.