Milleiros de persoas reclaman en Moaña as urxencias sanitarias

3.000 persoas manifestáronse polas rúas en Moaña en defensa de servizos sanitarios. (Foto: Diego Seixo).
Moaña cumpriu hoxe un ano de mobilizacións continuadas en defensa da súa sanidade. Máis de 3.000 persoas tomaron as rúas da vila para demandar a recuperación das urxencias médicas

A veciñanza de Moaña leva un ano mobilizándose, domingo tras domingo, para recuperar os servizos sanitarios subtraídos desde 2020. Nesta ocasión, máis de 3.000 persoas manifestáronse na localidade para esixir a volta das urxencias médicas.

A alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, sinalou ao remate da marcha a Nós Diario que “vimos de celebrar unha manifestación con moito éxito para reclamar o que vimos demandando desde hai un ano, após uns retallos sanitarios que reduciron a calidade asistencial no concello”.

A mobilización, convocada pola Mesa da Sanidade de Moaña, reclamou a volta das urxencias médicas a Moaña. Segundo indicou Santos, “a decisión da Xunta da Galiza adoptouse en pleno confinamento e explicóusenos que era unha medida de carácter temporal”.

A rexedora denunciou que “os responsábeis do Goberno galego anunciáronos o pasado 22 de novembro que non ían devolver as urxencias a Moaña até que contaramos cun novo edificio para o centro de saúde”.

Santos indicou que “a Consellaría de Sanidade ten que saber que non imos tirar a toalla e que as urxencias médicas deben volver xa a Moaña”.

Falla de médicos

A alcaldesa da vila do Morrazo denunciou a redución do persoal médico no centro de saúde da localidade. Así, aseverou que “na quenda de tarde do centro de saúde só hai dous médicos cando debía contar con cinco”.

A rexedora explicou que “hai persoas que coma min levan desde outubro do 2021 sen un médico de referencia e non nos deixan sumarnos á carteira doutros profesionais”.

Leticia Santos advertiu que co “traslado das urxencias a Cangas incrementáronse os tempos de resposta do servizo de ambulancias cando se require persoal médico o que provoca graves retrasos na atención”. Nese sentido, reclamou “o reforzo dos servizos de ambulancia”.