Milleiros de docentes enchen as rúas de Compostela nunha xornada de folga contra a política educativa da Xunta
As rúas da capital galega acolleron nesta quinta feira unha manifestación contra a política educativa da Xunta da Galiza, convocada pola CIG-Ensino e apoiada por STEG, nun día de folga no ensino con "seguimento maioritario" ao largo do país. Centos de docentes alzan a súa voz exixir melloras á Xunta da Galiza, que limita a protesta á "estratexia de confrontación" da CIG.
Unha manifestación xuntou esta quinta feira nas rúas de Santiago de Compostela milleiros de docentes da Galiza, nun día no que a CIG-Ensino convocou folga xeral na ensinanza.
A protesta enmárcase dentro dun calendario de mobilizacións promovido pola CIG-Ensino para reclamar unha mudanza nas políticas educativas do Goberno galego. Neste sentido, a manifestación e folga desta quinta feira segue a estela da manifestación, tamén na capital galega, convocada pola central sindical nacionalista o pasado 13 de setembro, unha mobilización que foi apoiada tamén polas comunidades educativas.
A CIG cualificou de "moi maioritaria" a folga de profesorado de centros educativos públicos galegos e situou o seu seguimento por encima do 60%. Pola súa banda, a Xunta da Galiza rebaixouno ao 14,8% e limitou a protesta á "liña estratéxica de confrontación" do sindicato nacionalista.
Unha xornada con normalidade e sen incidencias para a Consellería de Educación, pero cun "amplo seguimento" que fixo que as actividades educativas "non funcionasen con normalidade", en palabras da secretaria nacional de CIG Ensino, Laura Arroxo.
Xunto a ela, a secretaria de organización de STEG —que se sumou á convocatoria—, Comba Campoi, destacou que "existe un sentimento de cansazo, de fartura de todo o profesorado, que non sente valorado, que sente que non pode facer ben o seu traballo".
Pola súa banda, Arroxo resaltou "a unidade do profesorado" e asegurou que "se está vendo" tanto na marcha pola capital galega como "nas aulas baleiras". "O profesorado de todas as etapas está unido", incidiu, en referencia ao seguimento por parte de docentes de infantil, primaria, secundaria e FP.
En concreto, máis de 30.000 docentes de centros educativos públicos dependentes da Consellería de Educación estaban chamados a secundar o paro, convocado inicialmente pola CIG e secundado por STEG.
A Xunta, "da man dos outros sindicatos"
Para o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, o motivo da protesta "xa é coñecido" e, aínda que dixo respectar o dereito á folga, cincunscribiuna á estratexia da CIG "fundamentalmente, que é un dos catro —sindicatos— que forman a mesa sectorial".
"Desde o primeiro momento en que os novos responsábeis tomaron posesión [...] expuxeron como unha liña estratéxica do seu traballo a confrontación. Están no seu dereito", afirmou, a preguntas dos xornalistas durante un acto en Compostela.
Rodríguez resaltou que a Xunta traballa "nunha liña diferente" e aposta "por mellorar de forma constante" o sistema educativo. "E facémolo da man dos outros sindicatos que asinaron o acordo", subliñou. Referíase así ao acordo asinado por UXT, CCOO e ANPE e que estes mesmos sindicatos xa levaron á xustiza por incumprimento por parte da Xunta.
"Todo o profesorado unido"
Desde a CIG, Laura Arroxo reivindicou que "todo o profesorado" alza a voz "contra os recortes que a Consellaría de Educación leva mantendo nos 15 anos que leva no Goberno".
"Contra o desmantelamento da ensinanza rural, para reclamar que xa é hora de recuperar os nosos dereitos... Que se deixen de tanta propaganda, que non temos máis profesorado como eles din... Que os centros están asfixiados e levamos varios inicios de curso mendigando, os centros teñen que mendigar para que se lles dea un profesor máis, medio profesor máis... e iso non pode ser", salientou.
Así, reclamou "políticas a favor do público e de mellorar as condicións laborais do profesorado".
Por parte de STEG, Comba Campoi coincidiu en que a Consellaría "está a ir en contra" dos dereitos do profesorado e indicou que "son moitos meses de insistir, de chamar á porta da Consellería [...] e chegou o momento de parar". "É probábel que esta non sexa a última", avisou.