Sancións e milleiros de contas bloqueadas: así prohibiu Australia o acceso ás redes sociais a menores de 16 anos
Australia convertíase o pasado mes de decembro no primeiro país en prohibir as redes sociais a menores de 16 anos. Unha medida que supuxo o bloqueo de miles de contas en Facebook, Instagram, Threads, TikTok, YouTube, Snapchat, X, Reddit, Discord e mais nas plataformas de streaming Twitch y Kick, quedando fóra da lexislación as redes sociais destinadas á mensaxaría como WhatsApp ou Messenger.
A normativa australiana obriga as principais redes sociais e plataformas dixitais a adoptar medidas de verificación da idade das e dos usuarios, que deben solicitar un documento de identidade ou unha foto pesoal a calquera persoa que queira abrir unha conta, para verificar así que supera os 16 anos de idade. A nova normativa levou ao bloqueo de até 4,7 millóns de perfís que correspondían a persoas menores de 16 anos.
O incumprimento da lei estabelece sancións de até 49,5 de dólares australianos —uns 27 millóns de euros— que unicamente recaerán sobre as empresas das redes sociais se entende que non se puxeron os medios precisos para controlar quen pode acceder, quedando impunes das multas tantos os menores como as súas familias. Até o momento, porén, non se notificou ningunha sanción.
A decisión do Goberno australiano suscitou un debate global que chama a reflexionar sobre o acceso da poboación máis nova aos servizos ofertados polas plataformas tecnolóxicas, o uso particular que fan das redes sociais e a calidade dos contidos que consomen nestes espazos virtuais, mais tamén anima a considerar o impacto do veto como solución definitiva para un problema que as autoridades identifican co abuso, a dependencia e o risco para a saúde física e mental da poboación menor.
A medida foi confrontada por moitas voces críticas que afirmaron que os novos sistemas de verificación comprometeran os datos persoais dos seus usuarios, e tamén por quen consideran que coa prohibición non se impide que moitas persoas menores poidan saltar o veto ou porque isto pode ter efectos contraproducentes ao contribuír a 'illar' moitos rapaces e rapazas que botaban man das redes para socializar.
Porén, tamén hai quen aplauden a decisión, véndoa precisa para protexer as crianzas de moitos contidos sensíbeis, técnicas de acoso ou ameazas ás que se podían ver sometidas previamente.