crise dos pellets

Meteogaliza estima condicións "propicias" para a chegada de máis pellets durante a fin de semana

Recollida de pellets de plástico na Coruña. (Foto: Elena Fernández / Europa Press)
Meteogaliza estima que o sábado pola tarde o vento tome un compoñente "máis sur" e xa o domingo "suroeste", que é "o vento típico desta época do ano na Galiza".

As condicións meteorolóxicas para a chegada de pellets e outros residuos ao litoral galego serán "propicias" a partir da tarde do sábado e, especialmente, o domingo. Así o explicou o coordinador de Meteogaliza, Juan Taboada, que detallou que as predicións apuntan a que as condicións serán "propicias", o que non asegura "que vaia chegar moitísimo", debido a que "polo momento tampouco se sabe se hai moito material flotando ou pouco". "As condicións son propicias, pero de aí non se pode deducir que vaia chegar moito, porque non sabemos canto de disperso estará", aclarou.

Más en detalle, o meteorólogo sinalou que este venres Galiza atópase aínda baixo a influencia do anticiclón, que fai que o vento "vaia de terra cara ao mar", polo que "en principio debería dificultar a chegada destes pellets ao litoral". Con todo, o sábado está prevista a chegada dos "restos da borrasca Hipólito", que aínda que chegaría "bastante debilitada", vai ser "suficiente para que cambien os ventos".

Así, Meteogaliza estima que o sábado pola tarde o vento tome un compoñente "máis sur" e xa o domingo "suroeste", que é "o vento típico desta época do ano na Galiza". Con este vento, a situación meteorolóxica e de correntes do océano "é máis propicia" para que, se hai pellets flotando, "puidesen achegarse ao litoral".

Ventos de forza 7

Sobre a forza do mar e a posibilidade de que as ondas rompan os sacos de pellets, Taboada sinalou que os ventos de forza 7 que se esperan "si poden axudar", pero "é complicado de calcular". "Si que podemos dicir que o sábado pola mañá e un pouco pola tarde o mar vai estar bastante alterado", afirmou.

Meteogaliza actualiza as súas previsións para o propio día e os tres días seguintes. Por iso, con detalle, agora mesmo poden concretar as predicións para a sexta feira, sábado, domingo e segunda feira, aínda que Taboada indicou que "dunha maneira máis cualitativa" pódese apuntar a que na terza feira "vai seguir soprando vento de suroeste".