A metade dos positivos relacionados coa avícola de Cambados son contactos directos e familiares do persoal

Até o momento realizáronse 173 probas, das cales 96 resultaron nun resultado positivo.

Un foco de coronavirus rexistrado na planta da empresa Avícola de Galiza (Avigal) no polígono de Sete Pías, Cambados, alcanza os 96 casos positivos de Covid, segundo fontes do Servizo Galego de Saúde (Sergas).

Até o momento realizáronse 173 probas, das cales 96 resultaron nun resultado positivo en coronavirus entre persoas relacionadas coa empresa.

Por volta duns 50 son traballadores e traballadoras da empresa e o resto contactos directos e familiares aos que se lles practicou a  PCR para confirmar o contaxio. Non se desbota que esa cifra de positivos siga a medrar nos próximos días. E é que a maioría dos casos son  asintomáticos ou leves, por iso é polo que a incidencia poida ser moito maior.

O Sergas xa realizou o estudo de contactos dos contaxiados e en función da evolución do brote adoptaranse as medidas que procedan nas localidades da comarca afectadas, mentres que aos positivos xa se lles prescribiu a pertinente corentena.

Desde a firma cambadesa explican a Diario de Arousa que sempre se cumpriu “ con todos os protocolos desde semanas antes de ser declarado o Estado de Alarma”. En todo caso a planta de Cambados abriu as súas portas o 17 de agosto e foi entón cando, segundo a firma, “fixéronse tests masivos a todo o persoal”.

O que parece constatado é que o brote na firma cambadesa está relacionado coa decisión do Comité de Expertos do Sergas de aplicar medidas restritivas en Vilagarcía. E é que moitos dos traballadores de  empresa son desta cidade.