49,8% dos negocios composteláns e 29% dos habitantes, en contra do perfil actual de turistas na capital galega

Malyunchenko, Villarino, Almuíña, Rodríguez e Pérez, na presentación do estudo, este 3 de xuño. (Foto: Raúl Salgueiro)
A USC e a UVigo presentaron un informe sobre o perfil do turista desexado pola comunidade compostelá e o comercio, especificamente na zona vella da cidade. "Ninguén desexa un parque temático baleiro de veciños", conclúe o estudo.

A Universidade de Santiago de Compostela (USC) presentou esta cuarta feira, 3 de xuño, na capital galega, en colaboración coa Universidade de Vigo (UVigo), os resultados dun traballo de investigación sobre o perfil do turista desexado pola comunidade compostelá e o comercio, en contraste coas expectativas que teñen os visitantes sobre a cidade e a súa actitude. O obxectivo de 'Pulsar o corazón da (nosa) cidade: o turismo desexado' é analizar os efectos culturais e identitarios do turismo na capital do país coas prácticas e os consumos declarados polas persoas que a visitan.

O traballo de campo está composto por enquisas realizadas a 914 habitantes, 444 comerciantes e 1.948 visitantes que responderon cuestións como "que esperan —ou non queren— as persoas compostelás das visitantes?"; "que desexan as persoas visitantes en relación á comunidade local?", ou "cal é, para o comercio local, a clientela preferida?".

Entre os investigadores da Rede Galabra, presente no estudo e que forma parte da USC, figuran o seu responsábel, Elias Feijó, así como Emilio Carral, César Pablo Domínguez, Zosimo López, Cristina Martínez, María Felisa Rodríguez, María do Carme Villarino e Susana Sotelo.

"A percepcións das rúas da zona vella é innegábel: locais baleiros susbtituídos por souvenirs. É o tursimo o único motor real do noso comercio?". Esta é a pregunta que recolle o estudo é á que tiveron que dar resposta os negocios composteláns. Entre os "desexos do sector", chama a atención que case a metade (49,8%) dos comerciantes que responderon á enquisa afirman que preferirían outro tipo de turista.

Ademais, 54,6% asegura que a maioría da súa clientela é "estritamente local". Neste sentido, 78,8% declaran que a súa oferta non está modificada pola chegada do turismo á cidade. Con todo, máis da metade dos comerciantes entrevistados cren "firmemente" que o visitante gasta máis cartos que o local. Na mediana de gasto diario, o turista inviste 25 euros, mentres que o local, 20, segundo o estudo.

"Educación e respecto"

A mostra representativa dos habitantes está formada por persoas que residen na cidade ou en concellos lindeiros e que contan "cunha experiencia significativa do uso da cidade como espazo persoal e social". Así, 39,5% dos entrevistados di que o espazo de Santiago de Compostela que máis usa é a zona vella. No que respecta aos turistas, ao 29% dos entrevistados non lles gusta o tipo de turistas que visita a cidade e o 31,9% preferiría outro estilo de turismo, "unha persoa educada e respectuosa cos locais e coa cidade", aseguraron. 

O estudo da USC e da UVigo tamén achega un gran consenso entre as partes entrevistadas no relativo a converter a zona histórica compostelá nun espazo dedicado exclusivamente a tursitas. 93% das e dos seus habitantes expresan un rotundo 'non', mentres que até 95,5% dos comerciantes coinciden coa resposta. No caso dos visitantes, o 95% destacan que queren espazos locais e que buscan a convivencia. "Ninguén desexa un parque temático baleiro de veciños", conclúe o estudo.

Quen visitan a cidade

No relativo ás persoas visitantes, perto de 83% proviñan do Estado español, 10,8% de Portugal e 6,6% do Brasil. A meirande parte sinala que visitou a capital da Galiza por motivos de lecer e/ou vacacións, seguida dunha porcentaxe que o fixo para visitar amizades e familiares. Ademais, este estudo asegura que até 80% dos visitantes entrevistados non chegaron facendo o Camiño.