Meta, a matriz de Facebook e Instagram, condenada a pagar con 479 millóns aos medios dixitais por competencia desleal
O tratamento ilícito dunha enorme cantidade de datos persoais supuxo para Meta unha vantaxe competitiva que a prensa dixital non podía igualar. A actuación de Meta repercutiu negativamente nos ingresos por publicidade en liña en display (a que nos aparece cando lemos gratuitamente unha noticia de prensa nun xornal dixital) da prensa estatal, que sufriu unha perda de ingresos en publicidade. Estímase que Meta gañou no Estado Español co negocio da publicidade en liña máis de 5.281 millóns de euros.
O Xulgado do Mercantil número 15 de Madrid condenou Meta a pagar 479 millóns de euros a 87 editoras de prensa dixital española e axencias de noticias integradas na Asociación de Medios de Información (AMI), por obter unha vantaxe competitiva significativa ao realizar publicidade nas súas redes sociais Facebook e Instagram infrinxindo o Regulamento Europeo de Protección de Datos (RGPD).
A resolución, contra a que cabe recurso, estima parcialmente a demanda interposta pola prensa dixital estatal que consideraba que a publicidade comportamental que fai Meta utilizaba indebidamente datos persoais protexidos das usuarias e dos usuarios de Facebook e Instagram.
A sentenza pode converterse nun precedente importante para o sector publicitario estatal, ao sinalar que a prensa dixital competía en desvantaxe fronte a publicidade comportamental de Meta, baseada no uso indebido de millóns de datos persoais de usuarios de Facebook e Instagram obtidos tanto nas súas propias plataformas como noutras webs externas.
A sentenza fundaméntase no artigo 15.1 da Lei de Competencia Desleal (LCD), que considera desleal prevalerse no mercado dunha vantaxe competitiva adquirida mediante a infracción das leis, neste caso, mediante a infracción do Regulamento Xeral de Protección de Datos (RGPD).
Sen consentimento
Meta, cando entrou en vigor o RGPD en maio de 2018, cambiou da base legal do consentimento do usuario á base legal da necesidade de execución do contrato. Segundo o RGPD, a base legal é o que permite tratar os datos persoais dos usuarios de Facebook e Instagram de forma lícita.
Se a base legal é inadecuada, devén ilícito o tratamento dos datos persoais dos usuarios para realizar publicidade comportamental que Meta vende aos anunciantes. Por tal motivo, Meta foi sancionada pola Comisión de Protección de Datos de Irlanda en decembro de 2022.
En cambio, se no canto de abandonar a base legal do consentimento do usuario mantívoa, Meta evitaría a infracción e demandas como a interposta pola prensa dixital española non poderían prosperar.
Negativa de meta irlanda a achegar as contas
Meta Irlanda, sede de Meta España, non achegou ao procedemento as contas do seu negocio no Estado. Segundo a resolución, o maxistrado aplicou as regras da carga da proba e corroborou os datos que sostiña a prensa dixital estatal chegando á conclusión de que, durante os cinco anos que durou a infracción, Meta gañara no Estado español co negocio da publicidade en liña máis de 5.281 millóns de euros. O maxistrado presume que a cantidade gañada foi maior porque, de ser inferior, Meta presentaría no procedemento as contas do seu negocio.
Os máis de 5.281 millóns de euros que Meta gañou no Estado durante os cinco anos que van do 25 de maio de 2018 até o 01 de agosto de 2023 foron obtidos con infracción do RGPD, o que supuxo para Meta "unha vantaxe competitiva fronte á prensa dixital española no mercado publicitario estatal".
O diñeiro gañado por Meta con infracción do RGPD debe repartirse ao resto dos competidores do mercado publicitario español, entre eles, á prensa dixital estatal. Para efectuar esta repartición, é necesario coñecer que cota de mercado tiña a prensa dixital durante eses cinco anos e asignar o diñeiro en función da cota.
Cando esta repartición se efectúa, saen as cantidades millonarias que encabezan esta noticia. O maxistrado tomou do Estudo sobre as condicións de competencia no sector da publicidade en liña en España, da Comisión Nacional do Mercado e da Competencia (CNMC), datos e criterios para calcular a indemnización.
Considera que cos datos reais utilizados para ese cálculo poden acreditarse os prexuízos causados á prensa dixital estatal con "unha razoable verosimilitude", requisito imprescindíbel para que prospere a reclamación económica das editoras agrupadas en AMI: ganancias deixadas de obter como consecuencia da actuación de Meta.
Un caso con posíbeis repercusións sectoriais e transfronteirizas
A resolución podería marcar un precedente relevante no sector publicitario estatal, posto que a publicidade que ofrecía a prensa dixital tiña que competir coa publicidade comportamental de Meta, efectuada a partir da infracción no tratamento de millóns de datos persoais de millóns de usuarios de Facebook e Instagram obtidos non só das páxinas webs de Meta, senón doutras páxinas da internet polas que navegaban os usuarios.
O tratamento ilícito desta enorme cantidade de datos persoais supuxo para Meta unha vantaxe competitiva que a prensa dixital non podía igualar. A actuación de Meta repercutiu negativamente nos ingresos por publicidade en liña en display (a que nos aparece cando lemos gratuitamente unha noticia de prensa nun xornal dixital) da prensa dixital estatal, que sufriu unha perda de ingresos en publicidade dixital.
Ten tamén unha importante repercusión transfronteiriza, xa que os servizos de Instagram e Faceook préstanse da mesma forma en todo o ámbito da UE e veñen sometidos á mesma lexislación: o RGPD. En Francia xa se está tramitando unha demanda contra Meta de características parecidas. A sentenza ten en conta esta repercusión transfronteiriza cunha abundante cita da lexislación e a xurisprudencia europea aplicable ao caso.