A Mesa Sectorial avala gardas voluntarias nos PAC mentres se adía o decreto para ampliar a actividade aos sábados
A Mesa Sectorial de Sanidade, que tivo lugar esta sexta feira, deu luz verde a un novo procedemento de “voluntariedade incentivada” co obxectivo de garantir a cobertura da atención continuada nos PAC. A proposta baséase na adhesión voluntaria do persoal e será obxecto de seguimento e avaliación anual, con posibilidade de revisión na Mesa Sectorial.
Así, segundo o Sergas, a medida busca compatibilizar a prestación asistencial cos acordos de redución da xornada a 35 horas semanais, nun contexto de sobrecarga estrutural e déficit de profesionais na atención primaria.
O programa inclúe tamén melloras retributivas para o persoal. No caso do colectivo facultativo, prevese un incremento progresivo do 15,36 % nas retribucións por xornada complementaria ao longo de dous anos. Para o persoal de enfermaría, a suba —do 22,62 %— estase a aplicar desde comezos de ano. En ambos casos, o obxectivo é reducir progresivamente os tramos para que o importe incentivado se perciba desde a primeira hora de xornada complementaria.
Este procedemento comezará a aplicarse no mes de abril, de xeito paralelo á tramitación do decreto que contempla a ampliación do horario dos PAC ás mañás dos sábados. Unha norma que, polo momento, foi adiada tras as mobilizacións do persoal sanitario, que denuncia falta de diálogo e sobrecarga asistencial.
Así, mentres tiña lugar a Mesa Sectorial, medio milleiro de profesionais —entre eles médicas de familia, persoal de enfermaría, persoal de servizos xerais, celadoras, condutores e telefonistas— concentrábanse para rexeitar a imposición da obrigatoriedade de prestar asistencia os sábados pola mañá.
O procedemento de voluntariedade aplicarase a partir do vindeiro mes de abril e conta co apoio dos sindicatos CSIF, CCOO e UGT. Pola súa parte, a CIG decidiu non subscribir o acordo, entendendo que Sanidade non aceptou que o valor da xornada complementaria incentivada se aboe desde a primeira hora. Ademais, denuncian un trato “diferenciado” entre o persoal médico e o de enfermaría no relativo aos incentivos e aos tramos horarios.
A maiores, a Mesa Sectorial abordou as melloras retributivas para o persoal médico de urxencias hospitalarias, xa avanzadas na reunión do pasado 6 de marzo, que suporán un incremento medio de 3.560 euros anuais por profesional.
Estas medidas inclúen unha suba progresiva do importe da hora de atención complementaria, así como o recoñecemento da noite dos venres como xornada prefestiva.
Por último, tratouse a próxima convocatoria para a provisión de máis de cen prazas de difícil cobertura, que se cubrirán mediante o sistema de concurso de méritos, nun intento de paliar a falta de profesionais en determinadas áreas.