Mellora a saúde dos ríos galegos, mais os bosques de ribeira empeoran

[Imaxe: Adega]

Adega vén de presentar o seu informe anual sobre o estado das bacías fluviais, baseado nos dados obtidos nas dúas análises (primavera e outono) realizadas ao amparo do Proxecto Ríos. 


Mellora a saúde dos ríos da Galiza, mais os bosques de ribeira non corren a mesma sorte. O informe de 2013 que vén de presentar Adega cos dados das análises realizadas en primavera e en outono polo voluntariado do Proxecto Ríos sinalan que non hai ningún treito que presente unha calidade biolóxica má. Con todo, cómpre tomar en conta que os tres ríos que en 2012 estaban en estado crítico --o Lagares, o Sar e o Louro-- non foron inspeccionados desta volta. 

A porcentaxe de treitos con calidade deficiente mantense estábel e corresponde aos ríos Aríns, Chanca, Mero e Limia en primavera e Lagar, Esteiro e Limia en outono. Con todo, e malia esta tendencia cara á boa saúde, tamén hai que indicar que continúa a degradación das marxes. Máis da metade dos treitos estudados presentan alteracións de importancia no seu bosque de ribeira, nomeadamente o Corgo, o Zamáns, o Lagar e o Limia. 

Os dados compilados polos 271 grupos de voluntari@s que se implican nas limpezas simultáneas organizadas no Proxecto Ríos, que este 2014 fai dez anos, revelan unha lixeira melloría a respeito dos recollidos en 2011 e 2012 no que á calidade da auga se refire. O que constataron máis unha vez foi a perda e o empobrecemento da flora e da fauna dos bosques de ribeira, ameazada polas especies invasoras.