Melide Vivo nega o "escrache" á conselleira Ángeles Vázquez que denuncia a Xunta

Manifestantes, este domingo, en Melide durante a carreira organizada polo 8-M. (Foto: Nós Diario)
Veciñanza do colectivo Melide Vivo nega as "coaccións" á conselleira Ángeles Vázquez, a conta da tramitación do proxecto de Altri, que denuncia o Goberno galego.

O pasado domingo 9 de marzo, dentro dos actos conmemorativos do 8-M -Día Internacional da Muller-, o Concello de Melide (Terra de Melide) organizou unha carreira-andaina de mulleres. Durante o seu percorrido, membros do colectivo Melide Vivo -contrario á celulosa de Altri na Ulloa- animaron as participantes na proba, na parroquia melidá dos Ánxeles, e ao seu remate na praza do Convento. Un grupo de 14 persoas de Melide Vivo, veciñas e veciños da zona, colocáronse nos Ánxeles cunha faixa co lema “Do Bocelo ao Careón, Melide di Altri Non”.

O acto decorreu con normalidade. “Participamos neste evento do Concello igual que o facemos en todos os actos sociais nos que visibilizamos a preocupación da veciñanza pola posíbel instalación dunha macrocelulosa a 5 quilómetros do centro do concello de Melide”, explica a Nós Diario Ramón Laia, membro de Melide Vivo. Horas despois a Consellaría de Medio Ambiente acusábaos de facer feito un escrache na casa da titular do departamento, Ángeles Vázquez, algo que Laia nega: “Estabamos de costas á súa casa, a máis de 200 metros e mirando cara ao percorrido da carreira”.

Outra das asistentes asegura que “nin sequera pasamos por diante da casa da conselleira, estabamos a máis de 200 metros e, de feito, sabemos que desde alí nos estaban gravando”. “Estabamos lonxe da casa, no percorrido da carreira, non houbo escrache”, afirma Laia.

Acusacións da Xunta

O asunto chegou esta segunda feira á rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta -que presidiu Diego Calvo en ausencia de Alfonso Rueda, de viaxe oficial no Uruguai-. O conselleiro comezou a comparecencia expresando a “solidariedade” da Xunta con Ángeles Vázquez e asegurando que o domingo houbo “unha concentración diante da vivenda da conselleira co ánimo de coaccionar e amedrentar” a responsábel da tramitación do proxecto de Altri.

Mais desde Melide Vivo insisten: “En ningún momento pasamos sequera por diante da casa da conselleira, estabamos alí pola carreira do 8-M nun acto reivindicativo”. O conselleiro de Presidencia asociou os feitos ao BNG “e os seus satélites”, se bem o propio sinalado polos feitos, Ramón Laia, afirmou: “Hai 12 anos que non son militante do BNG, desde a asemblea de Amio de 2012”. Calvo asegurou esta segunda feira que a Xunta “analizará as fotografías” da concentración insistindo em que foi diante da casa da conselleira, se ben nas imaxes difundidas até o momento apréciase unha certa distancia entre as persoas manifestantes e as vivendas.

Pola súa parte, o BNG condenou esta segunda feira nun comunicado “calquera tipo de intimidación ou ameaza que se poida exercer sobre un cargo público”, mais tamén pediu ao Goberno de Rueda que “non caia na tentación de criminalizar a cidadanía, movementos sociais e plataformas” que se mobilizan para oporse “ás políticas lesivas do PP desde a Xunta, porque teñen todo o dereito a discrepar e a manifestar esa discrepancia mobilizándose e manifestándose”. “Iso chámase democracia, e manifestarse en contra das políticas do Goberno por considerar que son inxustas ou lesivas para a maioría é un dereito da cidadanía”, sentenciou a formación.