Covid: A Coruña ten peores cifras que o conxunto da Galiza antes do Nadal

Hospital da Coruña (Foto: Europa Press).
Máis de 6.000 casos activos e perto de 400 hospitalizacións nesta área, a máis afectada do país.

A Covid non dá tregua na Galiza. Este domingo, Sanidade notificou 50 novos ingresos nos hospitais, catro na UCI e 46 nas unidades convencionais, facendo un total de 232 e 1.130 doentes respectivamente (1.362 hospitalizacións totais).

Así mesmo, rexistráronse 1.331 novos contaxios, apenas un cento menos que na xornada anterior, e un lixeiro aumento da cifra de casos en activo até 22.608. A taxa de positividade de todas as probas de detección do virus foi de 10,6%, e a incidencia acumulada a 14 días de 773 contaxios por cada 100.000 habitantes.

A Coruña, ao límite

Na área sanitaria da Coruña-Cee a situación é especialmente crítica, xa que hoxe presenta uns datos peores que os do conxunto do país antes de comezar as festas do Nadal: 6.020 casos activos, 313 (+3) hospitalizacións convencionais e outros 82 (+3) ingresos na UCI.

Estas cifras duplican e mesmo triplican os rexistros das demais áreas: Vigo (3.851 casos activos), Compostela (3.425), Ourense (2.949), Pontevedra (2.455), Lugo (2.219) e Ferrol (1.779).

Neste sentido, o xerente do Servizo Galego de Saúde, José Flores, recoñeceu que esta área está a piques de comezar a derivar pacientes ao hospital de Lugo, o que desvela que a marxe é "cada vez menor" para instalar un hospital de campaña na Coruña.

A presión asistencial nas demais áreas

No tocante á ocupación hospitalaria, Ferrol experimentou un novo aumento até acadar 185 (+11) hospitalizacións, 24 delas en críticos (-1). Moi perto fican Ourense, zona na que tamén subiron os ingresos até os 184 (+2), 13 dos cales na UCI (-1); e Compostela, onde se incrementaron a 183 (+12), 42 deles en críticos (+2).

A continuación atópase Vigo, distrito no que tamén subiron os internamentos, malia que de forma mínima até os 175 (+1). Destas persoas, 21 requiren coidados intensivos (sen cambios). Pontevedra presenta a maior variación da xornada con 13 pacientes ingresados máis, que deixan o total en 154, 30 en coidados intensivos (+1).

Lugo mantense como a área con menos doentes hospitalizadas e é a única onde baixaron nas últimas 24 horas: son 73 (-5), 19 en UCI (-2).

Así mesmo, Sanidade notificou nove pasamentos esta xornada, facendo un total de 1.761 desde o inicio da pandemia.