Medio Rural recoñece una "situación complexa" polos lumes que calcinan 570 hectáreas en Vilardevós e 350 en Ponteceso
A conselleira de Medio Rural, María José Gómez, visitou este domingo Vilardevós. Alí recoñeceu que Galiza está nunha "situación complexa pola gran cantidade de incendios que xorden día a día".
O incendio iniciado ás 23:40 horas da sexta feira na parroquia de Terroso, no concello de Vilardevós, na comarca de Verín, calcinou até as 13:00 horas deste domingo unha superficie de perto de 570 hectáreas.
A Consellaría de Medio Rural sinalou que o incendio iniciado ás 23:40 horas da sexta feira na parroquia de Terroso, no concello de Vilardevós, na comarca de Verín, calcinou até as 8:30 horas deste domingo unha superficie de perto de 570 hectáreas.
A titular de Medio Rural, María José Gómez, sinalou na mañá deste domingo desde Vilardevós que o incendio na localidade está "bastante estábel" mais non descartou un empeoramento.
Gómez apuntou que "dependendo da evolución do vento aínda podería ter certas complicacións, polo que se mantén esa situación 2 que será o próximo CECOP para valorar como está a situación" ·
Ponteceso
A superficie queimada no municipio de Ponteceso, na comarca de Bergantiños, alcanzou ás 13:00 horas deste domingo 350 hectáreas nos tres focos activos nese concello.
O incendio que máis preocupa neste momento aos responsábeis do operativo contra o lume da Xunta da Galiza é o de Brantua (Ponteceso), onde xa van queimadas 100 hectáreas e que a esta hora ameaza a capela do Monte do Faro.
O lume iniciado ás 16:12 horas do sábado en Cospindo (Ponteceso), que obrigou a desaloxar varias vivendas e a praia de Balarés, calcinou até as 13.00 horas deste domingo unha superficie de 200 hectáreas.
O terceiro foco incendiario de Ponteceso, que arrancou ás 0.30 horas deste domingo, sitúase na parroquia da Graña e ás 13:00 horas deste domingo queimou unha superficie de 20 hectáreas.
Gómez explicou que o seu departamento segue "con especial atención" os tres incendios activos en Ponteceso, se ben non explicou a causa do problema eléctrico que xerou os focos operativos neste municipio de Bergantiños.
"Situación complexa"
A conselleira de Medio Rural indicou que "de momento está decretado o nivel 1 pero, se fose a peor, decretaríase o 2, esperemos que non teñamos que facelo. En xeral estamos a vivir estes días unha situación complexa pola gran cantidade de incendios que xorden día a día".