Medio cento de asociacións constitúen a Rede de Patrimonio Cultural Galego

Foto de Sole Felloza

Grupos culturais de carácter local ou comarcal, grupos de investigación universitarios e asociacións de carácter profesional uníronse no que é a primeira rede vinculada ao patrimonio cultural que se crea en Galiza.

Máis de 50 asociacións e entidades culturais e patrimoniais deron esta fin de semana o paso para crear a Rede polo Patrimonio Cultural Galego, unha entidade cuxo principal obxectivo será velar pola protección, a divulgación e a defensa do patrimonio cultural de Galiza.

 

A rede, indican os promotores, servirá como “un instrumento de axuda e unha ferramenta de difusión” das actividades destes colectivos. Tamén se encargará a Rede de promover accións e campañas en defensa do noso patrimonio cultural en ámbitos institucionais, sociais e territoriais aos que a cada unha destas entidades, por si soas, lles resulta difícil acceder.

 

Grupos culturais de carácter local ou comarcal, grupos de investigación universitarios e asociacións de carácter profesional fan parte desta rede, que é a primeira vinculada ao patrimonio cultural que se crea en Galiza. As entidades participantes na rede manterán a súa independencia, aínda que participarán do seu calendario común de actividades.

 

A Rede realizará campañas –dúas ou tres por ano--, que afecten a aspectos económicos, lexislativos, administrativos, sociais ou educativos relativos ao patrimonio cultural, á súa conservación, protección e promoción. Ademais, as entidades participantes acordaron impulsar mecanismos e compartir recursos para divulgar o patrimonio.

 

Por outra banda, “consciente de que forma parte dun espazo cultural e histórico concreto, a rede tamén apoiará campañas que non só se subscriban á Galiza territorial, senón tamén campañas que abrangan outros espazos, coma o norte de Portugal ou as zonas fronteirizas de Asturias e de Castela e León”.