Máximas por riba dos 35 graos marcan a primeira vaga de calor do verán: riscos para a saúde e como evitalos
Crianzas, persoas maiores, con doenzas crónicas e tratamentos farmacolóxicos son os grupos da poboación máis sensíbeis ás altas temperaturas.
A primeira onda de calor do verán comeza este sábado, 28 de xuño, e mantén gran parte das comarcas da Galiza con avisos por altas temperaturas, segundo a previsión da Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET).
Nesta xornada espérase superar os 34-36ºC no nordeste peninsular, amplas zonas da meseta norte e a metade sur peninsular excepto litorais mediterráneos e serras do sueste. AEMET espera que continúe o ascenso xeneralizado das temperaturas en todo o territorio. Ademais, prevé que o inicio do sábado sexa estábel e con ceos despexados excepto polo Cantábrico occidental e Galiza, onde permanecerá nubrado e non se descarta que caia algún chuvasco débil no interior.
Valores extremos
Na mesma liña, MeteoGalicia advirte que continuará entrando aire cálido, superándose os 34-36ºC en moitas comarcas da Galiza, especialmente en zonas do interior. De feito, entre as 10 e as 10.30 horas deste sábado MeteoGalicia rexistrou xa temperaturas próximas aos 30 graos nas Neves, O Condado (29ºC ); Fornelos de Montes, na comarca de Vigo (28.9ºC); Baltar, A Limia (28.6ºC); Rubiá, Valdeorras (28ºC), e Cuntis, comarca de Caldas (27.8ºC). Así, eleva a alerta a nivel laranxa no curso do Miño ao seu paso polas comarcas de Ourense e O Ribeiro.
Ante temperaturas tan elevadas e a previsión de que alcancen valores aínda superiores durante a xornada do sábado e do domingo, desde o Servizo de Farmacia da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras alertan as persoas máis vulnerábeis, como as de idades avanzadas e menores, sobre o risco engadido que supoñen determinados medicamentos en situacións de temperaturas extremas.
Efectos adversos: medicamentos e poboación vulnerábel
As persoas maiores, especialmente a partir dos 65 anos, e con maior risco a partir dos 75, constitúen un dos grupos máis sensíbeis, debido á menor capacidade de adaptación fisiolóxica á calor, á maior prevalencia de enfermidades crónicas e ao uso frecuente de múltiples fármacos.
Tamén están en situación de especial vulnerabilidade as persoas con enfermidades cardiovasculares, renais, endocrinas ou respiratorias, así como aquelas que padecen trastornos de saúde mental, ou teñen mobilidade reducida. As mulleres embarazadas, os lactantes e as crianzas pequenas tamén forman parte dos colectivos que requiren unha especial vixilancia.
Desde o Servizo de Farmacia indícase que existen unha serie de medicamentos que poden agravar os efectos da calor. Entre eles, destacan os diuréticos, que poden provocar deshidratación ou alteracións electrolíticas; os analxésicos e antiinflamatorios (como o ibuprofeno ou o naproxeno), que afectan a función renal, e algúns antihipertensivos, cuxa acción tamén pode verse comprometida durante a calor extrema.
Vixilancia e mantemento dos tratamentos
Por riba de todo, sinalan desde o CHUO, é importante manter unha hidratación axeitada, controlar a temperatura ambiental e estar atentos a calquera signo de alarma, especialmente con menores e persoas de idade avanzada. Estas medidas son fundamentais para evitar complicacións graves como descompensacións cardíacas ou renais, baixadas bruscas de tensión, síncopes, intoxicacións medicamentosas ou golpes de calor.
Desde o Servizo de Farmacia lembran que en ningún caso debe interromperse ou modificarse a medicación por conta propia, e que calquera axuste debe ser valorado de forma individual por parte dun profesional sanitario.
Coidados xerais ante a calor extrema
Para o conxunto da poboación, as principais recomendacións sanitarias son beber máis, sen esperar a ter sede, sobre todo auga e zumes de froita lixeiramente fríos. Evitar as bebidas quentes, alcohólicas, café, té ou cola ou con moito azucre; aumentar o consumo de verduras e froitas; evitar comidas copiosas e manter os alimentos no frigorífico, prestando especial atención á súa conservación.
Tamén se aconsella usar roupa lixeira e folgada, de cores claras, preferibelmente de tecidos naturais. Na rúa, protexerse do sol empregando sombreiro, lentes de sol e protectores solares, así como calzado fresco, cómodo e que transpire. De ser posíbel, cómpre permanecer en espazos ventilados, acondicionados ou á sombra, evitando estar ao aire libre nas horas de máis calor e reducir a actividade física ou a práctica deportiva.
Na casa empregar os cuartos máis frescos da vivenda e, para limitar o aumento da temperatura, durante o día manter baixadas as persianas e non abrir as xanelas até que se reduza a temperatura exterior, preferentemente á noite, para ventilar. No coche, ao estacionar ou facer unha parada, evitar deixar no interior coas xanelas pechadas a nenos ou anciáns.
No caso de ter que asistir a alguén que padeza esgotamento ou un golpe de calor, o primeiro é solicitar axuda médica urxente chamando ao 061. Mentres chega a asistencia, pode tentar baixarlle a temperatura levándoo á sombra ou a un lugar fresco e tranquilo, arrefriarlle o corpo, mollar con auga fresca e abanar e hidratar, dándolle pequenos grolos de auga fresca ou bebidas minerais, só de estar consciente, xa que non ser así, cómpre deixalo de lado coas pernas flexionadas e non ofrecerlle líquidos.