"Máxima preocupación" pola "situación moi complicada" do encoro de Eiras
Abel Caballero, o rexedor vigués, acusa de "mentir" sobre a responsabilidade do mantemento da presa.
A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, insistiu, en declaracións aos medios en Tordoia (comarca de Ordes) en que a Xunta da Galiza ten a "máxima preocupación" pola "situación moi complicada" da presa de Eiras, que abastece de auga potábel Vigo e a súa contorna, debido ao estado das válvulas danadas.
Segundo reiterou, aínda que a Xunta asumiu a xestión do encoro de Eiras en 2023, non foi até este ano cando os técnicos de Augas da Galizas puideron acceder a esas válvulas e comprobar o seu mal estado, que atribuíu ao "deixamento" do Concello de Vigo.
Por todo iso, volveu a urxir unha reunión técnica "porque hai que acometer obras de urxencia" e resolver "un problemón" derivado de moitos anos "de non levar a cabo ningún traballo de mantemento".
Caballero culpa a Xunta
Pola súa parte, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, atribuíu á Augas da Galiza a responsabilidade de manter en bo estado e cambiar se é necesario as válvulas na presa de Eiras, que é xestionada pola administración galega, e lamentou que a Xunta quere "botar a culpa" ao Concello do mal estado desas pezas porque "non foi capaz" de cambialas desde 2023, momento en que se lle entregaron "as chaves" do encoro.
Así o trasladou o rexedor nunhas declaracións remitidas aos medios, nas que insistiu en que a xestión "íntegra" do encoro corresponde á Xunta desde xaneiro de 2023. "Levan tres anos á fronte desa instalación e non foron capaces de substituír dúas válvulas que teñen que ser substituídas", denunciou, e acusou ao Goberno galego de pretender agora "botarlle a culpa ao Concello".
Cando a Xunta fíxose cargo da xestión (tras litigar nos xulgados, posto que o Concello opoñíase), chegouse a un acordo polo que Augas da Galiza, ademais de operar a presa, facíase cargo "do mantemento e conservación", segundo recolle a acta da reunión decorrida o 25 de xaneiro de 2023.
Neste documento, entre outras consideracións, recóllese que a empresa designada por Augas da Galiza operará os equipos e instalacións do encoro, "excepto a válvula de toma e as comportas da torre de toma", que serán operadas pola concesionaria municipal Aqualia, "correspondendo o seu mantemento e conservación a Augas da Galiza".
Caballero cifrou custo do cambio desas válvulas danadas en "só 50.000 euros" por cada peza.
Con respecto ás palabras da conselleira de Medio Ambiente arredor das trabas do persoal da concesionaria municipal ao traballo dos inspectores, o alcalde acusou Ángeles Vázquez de mentir. "Quen? Que dean os nomes inmediatamente, para ir denuncialo aos tribunais. Quen obstaculiza o traballo da Xunta na presa de Eiras? Onde están os obstáculos?", cuestionou e engadiu: "Non obstaculiza ninguén, absolutamente ninguén. Estano inventando".